CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Alumnos de infantil e primaria de Carballo, Narón e A Laracha fanse cos premios 'Nós tamén creamos!' de 2020

26/01/2021

O certame, convocado pola Xunta e a CRTVG, fomenta a creatividade e o uso da lingua galega mediante a realización de curtametraxes de animación, que poden verse na sección infantil da web da Televisión de Galicia

Alumnos de infantil e primaria de Carballo, Narón e A Laracha fanse cos premios 'Nós tamén creamos!' de 2020

Santiago, 26.01.2021.-   O certame ‘Nós tamén creamos!’, que fomenta a creatividade e o uso da lingua galega mediante a realización de curtas de animación, xa ten gañadores na súa novena edición. Nesta ocasión, foron alumnos de infantil e primaria do CEIP Xesús San Luis Romero (Carballo), Plurilingüe Virxe do Mar (Narón) e Ramón Otero Pedrayo (A Laracha) os que se fixeron cos galardóns, dun concurso convocado conxuntamente pola Xunta de Galicia e a CRTVG e que conta coa colaboración de OQOeditora.

Na modalidade do segundo ciclo de educación infantil, o xurado concedeulle o premio ao CEIP Xesús San Luis Romero, de Carballo (A Coruña), polo filme ‘Mariluz avestruz’. Na categoría de 1º e 2º de primaria resultaron galardoados o profesorado e o alumnado do CEIP Plurilingüe Virxe do Mar, de Narón (A Coruña), polo traballo ‘Quen pode vencer o virus’. Finalmente, a curta ‘Paco Papán’, do CEIP Ramón Otero Pedrayo, da Laracha (A Coruña), fíxose co premio na modalidade de 3º e 4º de primaria.

Todas as curtas, elaboradas coa técnica stop-motion por profesorado e alumnado de infantil e 1º e 4º de primaria, están dispoñibles na sección infantil da páxina web da CRTVG. Os traballos gañadores tamén se poden ver no portal da lingua galega (www.lingua.gal/nos-tamen-creamos).

Cada un dos centros premiados recibirá un lote de libros de OQOeditora, un agasallo da CRTVG e un diploma acreditativo. Ademais, o profesorado participante nas curtas premiadas obterá unha certificación de Premio de Innovación Educativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

A CRTVG colabora na realización destes premios, que promove a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, para fomentar unha imaxe positiva da lingua galega, favorecer o seu uso en novos formatos, e dar a coñecer as opcións de lecer en galego que lles ofrece aos rapaces e rapazas a web dos medios públicos galegos.