CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A xornalista da CRTVG Alba Mancebo recolleu o Prix Circom ao Novo Talento en Pantalla

30/05/2019

A entrega de galardóns tivo lugar o na 37 Conferencia Anual de Circom, na cidade serbia de Novi Sad

Esta é a segunda ocasión en que os medios públicos galegos reciben un premio desta organización, que reúne as televisións públicas rexionais europeas

 

A xornalista da CRTVG Alba Mancebo recolleu o Prix Circom ao Novo Talento en Pantalla

Santiago, 31.05.2019.-  A xornalista da CRTVG Alba Mancebo recibiu o xoves en Serbia o  Prix Circom ao Novo Talento en Pantalla (Young Talent on Screen), outorgado polas televisións públicas rexionais europeas asociadas en Circom. O galardón entregouse nunha gala no marco da 37 Conferencia Anual de Circom, na cidade de Novi Sad. 

Para esta edición do certame, a CRTVG presentara unha selección dalgunhas das intervencións de Alba Mancebo diante das cámaras. Na súa curta traxectoria nos medios públicos galegos, esta xornalista vimiancesa de 26 anos desenvolveu distintas tarefas nos espazos informativos, tanto para achegarlle á audiencia informacións de actualidade como intervir en apartados máis desenfadados do magazine ‘A Revista’. Tamén colabora nas redes sociais da Corporación, onde promove o uso da lingua galega cada semana cunha divertida sección denominada #instaGal.

Para a xornalista, gañar este galardón ábrelle un horizonte laboral moi atractivo, xa que o Prix Circom, ademais de outorgar o trofeo e certificado que hoxe recolle, posibilitaralle unha estadía nunha das 32 televisións membro de Circom, para aproveitar o bo facer doutra canle. “Estou moi contenta! Se non fose polas oportunidades que me están dando na CRTVG, non tería material para enviar a un certame coma este”, sinalaba ilusionada cando coñeceu a resolución do premio no pasado mes de abril.u

Esta é a segunda vez que a CRTVG acada un Prix Circom. A serie ‘Matalobos’, na categoría de Mellor Ficción de Televisión en Europa, supuxo en 2012, en Suecia, a primeira ocasión en que os medios públicos galegos obtiveron o prestixioso Prix Circom, o maior galardón internacional que o mundo da televisión lle concedeu á TVG na historia da canle galega. O programa ‘No bico un cantar’ e unha reportaxe de ‘Deporte extra’ foron tamén distinguidos, a posteriori, con respectivas mencións especiais no Prix Circom.

Este ano, o Prix Circom acadou un récord de presentacións, con 255 candidatas, repartidas entre 12 categorías.