CRTVG Viva
A tvG2 pensa nos pequenos da casa e dedícalles boa parte da súa programación da fin de semana
Longametraxes de animación e xuvenís, as series habituais do “Xabarín Club” e un maratón de capítulos de “Dragon Ball Kai” destacan na oferta
Os socios do club infantil da Galega que participen no concurso “Afíliate” entrarán no sorteo de varios agasallos, adaptados a todas as idades

Santiago, 30.12.2011.- Coma se dunha canle temática infantil se tratase, a tvG2 volve ser esta fin de semana unha boa opción para os pequenos da casa. Desde primeiras horas da mañá, o “Xabarín Club” encargarase de achegarlles capítulos das súas series favoritas, un maratón de capítulos de “Dragon Ball Kai” e longametraxes de animación e xuvenís que os entreterán no transcurso da tarde.
Ademais das faixas habituais do “Xabarín Club”, en que se emiten novas entregas das series habituais, o sábado os rapaces poderán gozar dun maratón cos episodios da nova serie da Galega, “Dragon Ball Kai”, a versión renovada da mítica serie dos anos 90, “Dragon Ball Z”, que marcara un fito histórico na pantalla da TVG.
En horario de tarde, os afeccionados á programación infantil seguen a ter unha cita co cinema especial da fin de semana na tvG2, xa que se emitirán 7 longametraxes adaptadas ás distintas idades. Neste senso, a segunda canle da Galega achegará “Speed Racer” (31 decembro), “Nancy Drew, misterio nos outeiros de Hollywood” (31 decembro), “O xogo do amor” (31 decembro) e “Perigo, menores ceibos” (1 xaneiro). Do xénero de animación, o domingo a tvG2 ofrecerá “Cristovo Molón”, “Robin Hood” e “Os tres mosqueteiros: a salvar a coroa”.
Por outra parte, amais desta programación infantil e xuvenil especial, o “Xabarín Club” bríndalles aos socios moitas sorpresas en forma de agasallos nestas vacacións de Nadal. Os rapaces que participen no concurso de “Afíliate” entrarán nun sorteo para gañar xogos de Educa-Borrás adaptados a todas as idades, como un crebacabezas de Cars, a carreira do Raio McQuinn, un proxector das bonecas Winx, ou xogos de mesa variados.
Na foto superior, imaxe dos personaxes da longametraxe da animación, "Cristovo Molón".