CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A TVG únese á Televisión Canaria e emite esta noite a gala solidaria 'Todos coa Palma'

20/10/2021

O programa (23.10 h) ten como obxectivo amosar as riquezas turísticas da ‘Illa Bonita’ e homenaxear os palmeiros damnificados polo volcán e os heroes anónimos que ofrecen a súa axuda

Contará con testemuños inéditos e actuacións musicais moi especiais, entre elas, as de Luz Casal, Víctor Manuel, Concha Buika, Efecto Pasillo e Cristina Ramos

A TVG únese á Televisión Canaria e emite esta noite a gala solidaria 'Todos coa Palma'

Santiago, 20.10.2021.-    Cando fixo un mes da erupción do volcán de Cumbre Vieja, a Televisión de Galicia, ao igual que outras canles da FORTA, únese á Radio Televisión Canaria emitindo esta noite a gala solidaria ‘Todos coa Palma’, que ten como obxectivo lembrar as riquezas turísticas que a demonimada ‘Illa Bonita’ segue a ofrecer ao mundo e servir de homenaxe aos heroes anónimos, aos palmeiros damnificados e ás ondadas de solidariedade que está a recibir A Palma do mundo enteiro.

Sempre en clave optimista, coa esperanza e a recuperación como leitmotiv, ‘Todos coa Palma’ contará con testemuños inéditos e actuacións musicais moi especiais. A presentadora Eloísa González será a mestra de cerimonias no estudio desde o que habitualmente presenta o programa da Televisión Canaria ‘Gente Maravillosa’.

A magnitude dos acontecementos provocados pola erupción do volcán fixo que a sociedade se volcara coa illa da Palma e este programa contará as historias deses palmeiros que se entregan a axudar a quen máis o precisa. A través de vídeos, conexións e entrevistas no estudio, os espectadores coñecerán as historias duns veciños que demostraron a solidariedade e humanidade do pobo canario. Así, ‘Todos coa Palma’ porá en marcha unha cadea de favores en que varios canarios anónimos se axudan entre si de xeito totalmente desinteresado e seis avós contarán como é presenciar a actividade de tres volcáns ao longo dunha vida. Ademais, ao longo de toda a noite, nenos palmeiros de entre 5 e 12 anos darán a súa visión sobre todo o que está a acontecer arredor do volcán.

Así mesmo, polo estudio desfilarán compañeiros da Televisión Canaria para dar seu o testemuño de como están a vivir este fito e desde a gran pantalla do programa estableceranse conexións con outras figuras coñecidas do resto de canles autonómicas, entre elas, os presentadores da TVG Xosé Ramón Gayoso e Roberto Vilar.

No capítulo musical, ‘Todos coa Palma’ ofrecerá as as actuacións da cantante  galega Luz Casal, do cantautor asturiano Víctor Manuel e da artista mallorquina Concha Buika. O programa tamén contará coa poderosa voz da cantante Cristina Ramos e cos alegres ritmos do grupo Efecto Pasillo, ambos procedentes de Gran Canaria. O artista orixinario da Palma Luis Morera, a formación de música popular canaria Mestisay e a cantante grancanaria Thania Gil completan a proposta musical desta velada tan especial.