CRTVG viva
A TVG pecha o mellor mes de outubro desde 2013
A canle pública acadou unha cota de pantalla do 10,8 % no conxunto da xornada
A Galega leva 13 meses logrando datos de audiencia por riba dos dous díxitos e no prime time a cota ascende ao 10,9 %
A TVG segue a ser líder en informativos: na faixa do mediodía supera o seguinte competidor en máis dun punto

Santiago, 02.11.2023.- Televisión de Galicia leva 13 meses pechando datos de audiencia por riba dos dous díxitos. E neste mes que acaba de rematar, a Galega acadou os mellores datos nun outubro desde hai dez anos, cunha cota de pantalla do 10,8 % no conxunto da xornada, e do 10,9 % no prime time, a franxa de maior consumo televisivo do día, segundo reflicten os datos do medidor Kantar Media.
Os servizos informativos da Televisión de Galicia foron os referentes unha vez máis neste outubro, destacando a franxa do mediodía, entre as 13:30 e as 15:30 h., coa emisión do informativo de proximidade ‘Galicia Noticias’ e o ‘Telexornal Mediodía’, cunha cota nesta franxa do 18,3 % de luns a venres, a 1,3 puntos da seguinte canle (Antena 3, cunha cota do 17 %).
Por días, destacaron as cotas de pantalla con medias superiores ás acadadas no mes dos días laborables luns (10,9 %), martes (11,3 %), mércores (11,4 %), xoves (12,5 %) e venres (12,1 %). No prime time cómpre salientar os datos dos luns (11,1 %) coas emisións de ‘Operación Marea Negra’ e do ciclo de cine galego ‘Realmente G’, os xoves (12,5 %) con ‘Land Rober Tunai Show’, os venres de ‘Luar’ (11,9%) e os sábados con ‘Bamboleo’ (11,2%).
Por outra parte, TVG segue a ser unha das canles motor da rede de televisións autonómicas de FORTA, superando a este grupo en 2,3 puntos de cota.