CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A TVG organiza a 'Treixa-Romaría' para celebrar os 30 anos da primeira actuación do grupo Treixadura

27/07/2022

Neste grande evento, que será presentado por Arturo Fernández e Roi Casal na Illa de Arousa e que contará con moitas sorpresas, participarán tamén a Banda de Música de Ribadumia, o grupo de baile da Asociación Dorna, Monoulious Dop e Vacalouras

A TVG organiza a 'Treixa-Romaría' para celebrar os 30 anos da primeira actuación do grupo Treixadura

Santiago, 27.07.2022.-     A TVG convida este venres os seus espectadores ao evento do verán en Galicia: a ‘Treixa-Romaría’, unha gran festa para celebrar os 30 anos da primeira actuación en directo de Treixadura, unha das formacións máis senlleiras da música tradicional galega.

A ‘Treixa-Romaría’ celebrarase no Portiño da Illa de Arousa, onde a Televisión de Galicia xuntará o grupo coa Banda de Música de Ribadumia, coa que interpretará dez dos seus temas máis emblemáticos, e co grupo de baile da Asociación Dorna da Illa de Arousa. A este gran evento tamén están convidados os grupos Monoulious Dop e Os Vacalouras.

O programa será presentado por Arturo Fernández e o músico Roi Casal, que serán os primeiros implicados na festa, xa que chegarán en dorna. A esta romaría virá xente por terra no peirao do Portiño, pero tamén polo mar, xa que unha parte do público verá as actuacións desde un galeón restaurado pola asociación Dorna. A ‘Treixa-Romaría’ ofrecerá moitas sorpresas, xa que cada grupo chegará dun xeito distinto: Monoulious Dop, en pedaleta; Vacalouras, en convertible, e os protagonistas, Treixadura, presentaranse en bicicleta.

Como en toda romaría que se prece, na que hoxe organiza a Galega haberá postos tradicionais, como chocolateiro, café de pota, rosquilleiras, froiteiras e unha gran mexilloada, por suposto, con produto da Illa de Arousa, un gran escenario que será un protagonista máis desta ‘Treixa-Romaría’.