CRTVG viva
A TVG transmitiu en directo o funeral solemne por Manuel Fraga Iribarne desde a praza do Obradoiro
A cerimonia incluíu a celebración litúrxica na catedral de Santiago, a proxección dun vídeo de lembranza e o son de 200 gaitas da Real Banda da Deputación de Ourense.
Asistiron o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
A canle pública galega volveu ser a encargada de cubrir o acto relixioso para todas as televisións que precisasen as imaxes nos seus informativos.

Santiago, 21.01.2012.- A TVG ofreceu en directo este sábado desde a praza do Obradoiro o funeral por Manuel Fraga Iribarne na catedral de Santiago. A transmisión abrangueu a chegada á catedral da comitiva de autoridades, encabezada polo presidente do Goberno, Mariano Rajoy, que veu acompañado da súa muller, Elvira Fernández, e polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xunto á familia, onde foron recibidos por Julián Barrio, arcebispo da Diocese de Santiago; a misa funeral, onde foi interpretada a Ave María de Schubert, e un acto solemne que se desenvolveu na praza do Obradoiro, ao remate da misa.
Na homilía o Arcebispo definiu o finado como "home de ben" para quen "a conciencia era algo sagrado" e dixo que Fraga "morreulle" non só á súa familia senón a toda Galicia e toda España.
Autoridades e familiares, xunto ao público congregado na praza do Obradoiro, ofreceron unha emotiva homenaxe como último adeus ao que foi presidente dos galegos, en que actuaron douscentos gaiteiros da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense e da Deputación de Pontevedra, que interpretaron o Himno do Antigo Reino de Galicia, ao remate do cal se proxectou un vídeo de lembranza sobre a figura de Manuel Fraga Iribarne. Finalmente, foi interpretado o Himno de Galicia.
A canle pública galega foi a encargada de facer a cobertura televisiva da cerimonia na catedral, e estableceu un sinal pool a disposición de todas as televisións que precisasen esas imaxes para os seus espazos informativos.