CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A TVG estrea unha temporada sen límites de directo para contar Galicia minuto a minuto

10/09/2021

A Galega será unha das canles con máis horas de emisión en directo, con 13 horas de luns a xoves e case 16 os venres. Información, entretemento e proximidade

Máis informativos, os espazos ‘Bos Días’ e ‘Galicia Noticias’ esténdense á fin de semana e ‘A Revista’ terá dúas edicións, cunha hora de ‘A Bóla Extra’ polo medio

A TVG estrea unha temporada sen límites de directo para contar Galicia minuto a minuto

Santiago, 10.09.2021.-    O vindeiro luns bota a andar unha temporada especial para a TVG, a temporada que ofrecerá unha televisión practicamente sen límites de directo para poder ofrecer todo o que pase e no instante en que pase. Así, a Televisión de Galicia atreverase a ser unha das canles con máis horas en directo, case 13 de luns a xoves e roldando as 16 horas os xoves e venres. Desde o informativo ‘Bos Días’ ata o ‘Luar’, que cumpre a súa 30ª temporada en antena, apenas haberá pausa, e a grella da TVG convértese nunha das máis dinámicas e con maior capacidade de resposta inmediata de todo o panorama español. Unha das constantes será unha forte aposta polo directo como gran factor de proximidade, de participación do público e de servizo á cidadanía. Os contidos combinarán programas de entretemento e compaña con información, divulgación e servizo público.



O tiro de saída será este mesmo venres, cando se pon en antena a 30ª temporada de ‘Luar’, un auténtico récord de lonxevidade na televisión actual. Este aniversario será un dos eixos da nova etapa do programa, en que se botará a vista atrás para lembrar as primeiras emisións e se convidará tamén a destacados humoristas a facer monólogos sobre estas tres décadas de vida.

O sábado regresa ‘Latexos da Cidade’ (19.45 h), programa que lles seguirá tomando o pulso ás sete grandes cidades galegas, con novas historias e situacións que acontecen nas súas rúas e nos seus centros neurálxicos.
    
E o domingo volve ‘Malicia Noticias’, que, de domingo a mércores ás 22.30 h, contará toda a actualidade dun xeito diferente, dándolles voz ás nosas xentes, ao que pasa na rúa e ao máis comentado nas redes. Arturo Fernández estará acompañado polos ‘maliciosos’ máis veteranos, pero tamén por novas fichaxes, e o programa contará con novas seccións. Durante catro días á semana, e como novidade no prime time, este programa fará dúo co concurso ‘Atrápame se podes’ (22.00 h), espazo de éxito, presentado por Paco Lodeiro, que se revelou un interesante divulgador da cultura e identidade galegas para grandes públicos.

Renovación da grella e máis información as fins de semana

A nova estrutura da grella da TVG arranca o luns 13 de setembro co informativo ‘Bos Días’ no seu horario habitual, de 08.00 a 10.45 h. O programa adquire un gran formato, xa que se estende aos sete días da semana. Os sábados ampliará a súa duración a unha hora (09.30-10.30 h) e, por primeira vez, haberá ‘Bos Días’ os domingos pola mañá (10.30-11.00 h), con entrevistas en directo ambos os dous días da fin de semana. Nunha decidida aposta pola actualidade comarcal, tamén se estende á fin de semana o ‘Galicia Noticias’ (13.30-14.30 h), con senllas emisións dunha hora.

De luns a venres, renóvase a franxa das mañás, coa estrea de ‘As nosas  rúas’ (10.45 h), que narrará a historia das persoas que deixaron a súa pegada nas rúas de Galicia; con novas entregas do programa de cociña ‘Estache Bo’ (11.00 h), que terá unha nova protagonista acompañando a Xoanqui Ameixeiras e a Rafa Durán, e cunha ‘A Revista’ máis madrugadora, de 11.30 h a 14.00 h. No tramo de 12.00 a 13.00 h, integrará ‘A Bóla Extra’, o espazo de emisión simultánea entre a Radio Galega e a TVG, que, debido ao éxito dos dous últimos anos, pasa a durar unha hora.

Pola tarde, regresan os magazines en directo: ‘Quen Anda Aí?’ (15.45 h), que xa esta semana comezou unha nova temporada, con Roberto Vilar e Rodrigo Vázquez outra vez á fronte; e ‘Fun polo Aire’ (18.30 h), presentado por Susana López, cos galegos e galegas de a pé como protagonistas. En total, máis de catro horas en directo de información de proximidade, entrevistas e entretemento nas tardes da Galega.

Novidades no prime time

Entre as grandes novidades desta temporada, proximamente chegará ao prime time Os Mellores da Clase’, espazo que cada semana levará dous personaxes famosos de volta ao colexio. Pero non o farán sós, senón acompañados de seis compañeiros de clase que os axudarán a enfrontarse a cinco probas de: Historia, Matemáticas, Música, Educación Física e Ciencias Naturais. Será un espectáculo cheo de diversión, curiosidades e anécdotas da infancia que lembrará como era Galicia cando eran mozos.

Pero antes de que chegue ese momento, este luns día 13 comeza a temporada máis espectacular do espazo ‘Desmontando Galicia’, presentado desta volta por Isabel Blanco e Diana Nogueira. Desta volta, o programa atreverase con todo e non vai deixar monumento, infraestrutura nin paisaxe sen desmontar. Así, amosará a alma das illas Cíes, entrará no corazón dos estaleiros galegos, visitará a fábrica de Sargadelos e, para abrir boca, este luns navegará polas augas do río Miño.

O xoves 16 regresan o humor e o espectáculo co ‘Land Rober Tunai Show’ e os domingos, a partir do 19 de setembro, volve ‘A Lei de Santos’, serie secuela de ‘Serramoura’, pero cun estilo e narrativa moi particulares, que foi un éxito de audiencia na primeira temporada. Na segunda, os espectadores verán como Santos quere deixar de lado a súa carreira criminal para levar unha vida honrada, veremos se o consegue.

A programación de outono-inverno da TVG traerá tamén novas temporadas de ‘En Feminino Singular’, que ten como obxectivo fomentar a igualdade na sociedade, con protagonistas como a escritora Iolanda Castaño, a viticultora Marisol Bueno e a blogueira Silvia García, entre outras; e tamén novas entregas de ‘Un País en 360’, programa que achega o patrimonio natural e monumental de Galicia a través da tecnoloxía e que potenciará o seu espírito aventureiro, xa que cada semana se dedicará a unha gran ruta.

E durante este temporada continúan os programas ‘Sabadeando’, o gran magazine en directo das tardes dos sábados, a partir das 15.45 h; ‘Bamboleo’, que este verán foi líder de audiencia os sábados á noite; e ‘Casamos!’, que cada martes achega o universo das vodas en Galicia.

Aposta pola análise informativa na G2 e espazos culturais os sete días da semana

Polo que respecta á segunda canle, seguirá sendo o gran contedor da programación infantil, deportiva e tamén cultural, xa que proximamente regresará á pantalla o espazo ‘Zigzag’ que, ademais de emitirse de luns a venres pola G2, tamén se poderá desfrutar nas fins de semana, pola primeira canle, nas mañás dos sábados e domingos.

Así mesmo, nesta nova temporada farase unha decidida aposta polos espazos de análise informativa, con varios formatos destinados á interpretación da actualidade: ‘Conexión Galicia’, cos grandes referentes do xornalismo galego en Madrid (os luns ás 18.00 h); ‘O Debate da G2’, para abordar os asuntos clave da actualidade co centro do debate en Galicia (de martes a venres ás 18.00 h); ‘A Crónica’, en emisión simultánea coa Radio Galega (de luns a xoves ás 23.00 h); e ‘Café sen Gotas’ (sábados ás 15.00 h), tertulia realizada desde o Parlamento de Galicia.