CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A TVG estrea temporada dando o bote do 'Atrápame se podes'

08/09/2023

É o maior premio da historia da Galega e o luns saberase quen o gaña

Haberá novos concursos como ‘Tesouro ou lixo’ ou ‘De tal mente, tal semente’ con Esther Estévez

O 18 de setembro estréase a segunda temporada da serie ‘Operación Marea Negra’

Volven os programas de éxito ‘Land Rober Tunai Show’, ‘Galicia bonita’, ‘Xente marabillosa’ e ‘Luar'

A TVG estrea temporada dando o bote do 'Atrápame se podes'

Santiago, 08.09.2023.- Un dos cinco concursantes do espazo ‘Atrápame se podes’, presentado por Paco Lodeiro, gañará este luns 101.400 euros. Coa entrega do premio máis alto na historia da TVG, arranca a nova temporada de outono da Televisión de Galicia, na que van pasar cousas nunca vistas na canle pública que se irán desvelando a semana vindeira.

A canle segue a incrementar este outono a súa aposta pola programación en directo e por novos formatos de entretemento como os concursos ‘Tesouro ou lixo’ e ‘De tal mente, tal semente’, especialmente deseñado para o público xuvenil. E no terreo da ficción, o 18 de setembro estréase a segunda temporada da serie ‘Operación Marea Negra’. 

 

Despedida de ‘Saudade de ti’ e novos prime time na TVG

A serie ‘Saudade de ti’, que tivo en vilo os espectadores durante este verán, despedirase o martes coa decisión final de Celia, a súa protagonista, que deberá escoller entre Santi e Raúl. Tras este desenlace, a temporada de outono comezará na TVG co regreso en cascada dos formatos de entretemento clásico e de máis éxito do prime time da Galega: o xoves 14 de setembro volve ‘Land Rober Tunai Show’, cuxos primeiros convidados van poñer patas arriba de novo o estudio do programa. O domingo 17 estrearase a nova temporada do programa ‘Galicia bonita’, que seguirá a loita incansable contra o feísmo na nosa comunidade. Nesta ocasión, o singular equipo de reformas liderado pola arquitecta Rosa Facal atopará máis complicacións ca nunca e vai ter moi difícil rematar algunhas das obras encomendadas. Tamén volve ás pantallas ‘Luar’, que arrancará con moitas sorpresas esta temporada o venres día 15, e o espazo ‘Latexos da cidade’, que comezará o día 19, con entregas en que, por primeira vez, as cámaras de televisión entrarán na Brigada Galicia VII do Exército de Terra (Brilat) de Pontevedra ou nas instalacións de Ence. 


 ‘Operación Marea Negra’, desde o luns 18

  O seguinte luns 18 de setembro, no prime time, a Galega estreará a segunda temporada da serie ‘Operación Marea Negra’, baseada na historia real do semi somerxible de construción artesanal que hai uns anos atravesou o Oceáno Atlántico con tres tripulantes e tres toneladas de cocaína no seu interior. Rodada en Galicia e Portugal, a segunda temporada segue a contar cun importante elenco de actores galegos e secuencias rodadas na nosa terra. 

 En outubro regresará á grella ‘Xente marabillosa’, cunha segunda temporada tan sorprendente como espectacular. O programa presentado por Lucía Rodríguez apuntará desta volta a situacións que se poden vivir na á loita contra o lume, aos problemas das lindes, ou aos prexuízos do idadismo. 

 

Novos formatos de concursos

TVG estreará dous novos concursos. Un deles é ‘Tesouro ou lixo’, que sacará dos rochos e baúis os obxectos antigos galegos para saber se teñen valor ou estamos acumulando ferralla na casa. Cada semana, unha parella de concursantes descubrirá cal é o obxecto máis valioso de entre 12 diferentes. Cada un deles agocha unha historia e un prezo que irá desde 1 euro ata 5.000. O prezo do obxecto seleccionado por eles como o máis valioso será o premio que leven para a casa.

 Ademais, para os mediodías da fin de semana, a canle pública galega prepara o concurso para mozos ‘De tal mente, tal semente’, a versión xuvenil do coñecido ‘Coma un allo’, un formato baseado na dinámica de preguntas e respostas presentado por Esther Estévez. A novidade será ver competir os máis novos da casa, rapaces e rapazas de entre 12 e 16 anos, cos seus pais e avós.