CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A TVG conmemora o Día das Letras cun monográfico de 'Zigzag', con cine galego e co especial 'Galegofalante Vip'

16/05/2019

Os espectadores poderán esta tarde afondar na vida e obra de Antonio Fraguas, ver a película ‘Os Fenómenos’ e coñecer persoeiros que empregan e enxalzan o galego no seu día a día

A TVG conmemora o Día das Letras cun monográfico de 'Zigzag', con cine galego e co especial 'Galegofalante Vip'

Santiago, 17.05.2019.-    Ademais da cobertura informativa dos principais actos e actividades que se desenvolverán en Galicia con motivo do Día das Letras Galegas, a Televisión de Galicia achegaralles hoxe aos espectadores especiais que afondan na vida e obra do autor destacado este ano, Antonio Fraguas, escritor, historiador, profesor, antropólogo e etnógrafo, que participou ao longo da súa vida nas máis importantes institucións galegas relacionadas coa cultura, a conservación e o estudio do patrimonio e que contribuíu a proxectar o galego como vehículo de expresión válido para calquera coñecemento.

Para celebrar o día grande da nosa lingua e da nosa cultura, a TVG ofrecerá na sobremesa e a través da primeira canle unha edición especial do programa ‘Zigzag’ desde o Museo do Pobo Galego, institución da que foi director e presidente. O programa contará con diversos expertos, analizará a súa figura e recuperará imaxes de arquivo que conserva a TVG sobre o autor.

O ‘Zigzag’ especial do Día das Letras fará un percorrido pola vida e a obra de Antonio Fraguas, visitará o seu Cotobade natal para falar cos veciños que ben o coñeceron e  entrevistará tamén os seus alumnos e as persoas que coidan da súa biblioteca que está depositada no Museo do Pobo Galego. Ademais, entrevistará alí a Xusto Beramendi, presidente desta institución, e membro da Fundación Antonio Fraguas. Con el debullarase a súa biografía e traxectoria como etnógrafo, galeguista, e, sobre todo, home de aldea, porque nunca renegou das súas raíces.

O cine galego tamén será protagonista na tarde deste 17 de maio, coa proxección de ‘Os Fenómenos’, filme de Alfonso Zarauza que conta no elenco, entre outros, con Lola Dueñas, Luís Tosar, Miguel de Lira, Antonio Durán 'Morris' ou Xosé Antonio Touriñán. Narra a historia dunha muller que se ve obrigada a regresar a Ferrol, a súa vila natal, cun bebé. Despois de moitas dificultades para atopar traballo acabará como peón de albanel, superando con coraxe a dureza deste oficio.

Galegofalante VIP

Galegofalante VIP’ é outra das estreas que a TVG ofrecerá no Día das Letras Galegas. Nunha data coma esta, en que se homenaxea persoas que destacaron pola súa creación literaria en lingua galega, a canle pública galega conversará neste especial con persoeiros galegos das máis variadas disciplinas que tamén están orgullosos da lingua galega e que a falan no seu día a día.

Así, a través de ‘Galegofalante VIP’ coñeceranse polo miúdo homes e mulleres que destacan nas súas profesións e que gozan falando na nosa lingua e a empregan, sempre que poden, tanto no ámbito familiar coma no profesional.

O programa visitará, deste xeito, o compostelán Roi Méndez, que está a triunfar no mundo da música; a viguesa Inés Abril, que deixou os estudos de Filoloxía para pasarse á cociña; o porteiro de fútbol Sergio Álvarez, que medrou en Catoira co galego; o xornalista Rodrigo Vázquez, que medrou no barrio da Ponte de Ourense e que tivo nos seus avós os seus primeiros mestres de galego; Manel Loureiro, o recoñecido escritor de Cotobade, que comezou a súa traxectoria profesional como avogado, pero sempre apoiado polo galego; a influencer galega María Canle, dedicada ao mundo da moda, que fala tamén desde nena o noso idioma, e o científico Anxo Carracedo, toda unha eminencia no ámbito da xenética, que é un namorado das linguas que non deixaría por nada do mundo de vivir na súa terra.