CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A Televisión de Galicia, presente en vinte dos Premios Mestre Mateo 2015

12/04/2015

O galardón ao mellor programa de televisión foi un ano máis para o informativo cultural Zizgzag Diario e a presentadora do Telexornal Mediodía, Marga Pazos, foi recoñecida como a mellor comunicadora de televisión

As dúas producións cinematográficas que máis premios obtiveron, 'Os Fenómenos' e 'A Esmorga', contan tamén con participación do ente público galego

A Televisión de Galicia, presente en vinte dos Premios Mestre Mateo 2015

A Coruña, 12.04.2015.-    A Televisión de Galicia estivo presente en vinte dos vinte e cinco Premios Mestre Mateo entregados a pasada noite na grande gala anual que organiza a Academia Galega do Audiovisual. O recoñecemento como mellor programa de televisión foi por cuarto ano consecutivo para o informativo cultural Zigzag Diario, de produción propia da TVG, mentres que e a presentadora do Telexornal Mediodía, Marga Pazos, foi recoñecida como a mellor comunicadora de televisión.

Por outro lado, as dúas producións cinematográficas que máis premios obtiveron contan tamén con participación da Televisión de Galicia. É o caso d'A Esmorga, que recibiu seis estatuíñas pola mellor interpretación masculina (Morris Durán), direccións de arte e de fotografía, vestiario, música orixinal e maquillaxe e perruquería, e tamén d'Os Fenómenos, que acadou catro galardóns como mellor longametraxe, dirección (Alfonso Zarauza), guión e intérprete feminina de reparto (Ledicia Sola).

Outras producións relacionadas con TVG son Serramoura como mellor serie de televisión, e as series Pazo de Familia como mellor interpretación feminina de reparto (Mabel Rivera) e Códice  como mellor interpretación masculina de reparto (de novo Morris Durán); o programa da Galega Cos Pés na Terra pola mellor realización; as películas participadas por TVG Schimbare como mellor dirección de produción e mellor son, e Maimiño como mellor longametraxe de animación, e o documental Angrois no Esquecemento, producido por traballadores da televisión pública galega, como mellor documental.

Na foto superior, José Mejuto, director de Zigzag Diario, na entrega do premio da Academia Galega do Audiovisual ao mellor programa de televisión, por cuarto ano consecutivo

Galería de imaxes