CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A Televisión de Galicia aproba participar en sete novas producións audiovisuais

27/10/2015

Os proxectos en que investirá a canle pública abranguen a realización de tres longametraxes, dúas tv-movie e dous documentais

A Televisión de Galicia aproba participar en sete novas producións audiovisuais

Santiago, 27.10.2015.- A Comisión Directiva de Programación da Televisión de Galicia aprobou na súa última sesión participar nun total de sete producións audiovisuais. Os proxectos contemplados comprenden a realización de tres longametraxes, dúas películas para televisión e dous documentais. Despois de avaliar os proxectos presentados no rexistro correspondente, suxeitos ás condicións sinaladas na resolución da Dirección Xeral de 28 de xuño de 2011, pola que se aproba o procedemento de presentación de proxectos audiovisuais de interese para a TVG, a canle pública galega participará nas longametraxes: “Sol e Lúa”, “Migas de Pan” e “Arima”.

“Sol e Lúa”, de Ézaro Films SRL, é unha historia de emigración en clave de comedia romántica, divertida e desenfadada, con guión de Angel Peláez, José Antonio Pastor e Angel de La Cruz, que se está a rodar actualmente en distintas localidades galegas -Valdoviño, Dodro, Padrón e Santiago-. Nela participan significativos actores galegos, como Nerea Barros, Goya 2015 á actriz revelación e o popular Manuel Manquiña. A película conta a historia dun documentalista que sae de Santo Domingo e viaxa a Galicia para indagar sobre os motivos que teñen os emigrantes para abandonar o seu país. Este filme, dirixido polo galego José Enrique Pintor, é unha coprodución galego-dominicana, promovida por galegos da emigración que se vai desenvolver tanto en Galicia como na República Dominicana.

A longametraxe “Migas de Pan” é tamén unha coprodución, neste caso, galego-uruguaia, con Cecilia Roth como protagonista e cun elenco de preto dun cento de actores, boa parte deles galegos, entre os que destacan Ernesto Chao e María Pujalte. Producido por Xamalú Films e dirixido pola directora Manane Rodríguez,  fala de exilio e de xustiza histórica cunha clara intención de revisar a historia recente da Uruguai predemocrática. Cambre acolleu o pasado setembro as súas últimas semanas de rodaxe. 

A terceira produción cinematográfica é “Arima”, longametraxe de Esnatu Zinema, dirixida por Jaione Camborda e co deseño de produción dos irmáns Zarauza, que inclúe un equipo técnico 100% galego. Describe a vida de seis mulleres que, dun xeito inesperado, vese alterada pola aparición de dúas figuras masculinas antagónicas. Mulleres interpretadas por actrices galegas como Marta Larralde, Nerea Barros, Maria Bouzas e María Vázquez. Trátase dun filme que se move na fronteira entre o real e o imaxinado creando atmosferas evocadoras e suxestivas, que envolven todo un entramado de relacións humanas. Poderíase dicir que neste filme non sucede nada e sucede todo ao mesmo tempo. Nunca tes a certeza de que aconteceran os asasinatos que se insinúan.

A Galega acordou tamén participar nas tv-movie, “Juana de Vega” e “Fillos do sol”, as dúas enmarcadas no xénero das biografías. A primeira delas, vén incrementar a colección de biopics de personaxes femininas galegas salientables, iniciada tamén por Zenit Televisión, con “Emilia Pardo Bazán, a condesa rebelde” e despois “Concepción Arenal, a visitadora de cárceres”. Dirixida por Zaza Ceballos e con guión de Miguel Anxo Murado, o papel principal estará interpretado por Mabel Rivera, na súa madurez, e por Sonia Castelo, na etapa correspondente á súa xuventude. Boa parte da rodaxe transcorrerá na Coruña. Pola súa parte, “Fillos do sol” é unha proposta de Portocabo, en coprodución con TV3 e baixo a dirección de Ramón Costafreda. Cun equipo artístico maioritariamente galego, encabezado por Ricardo de Barreiro, Javier Rey, Javier Gutiérrez, Xosé Barato, Tamara Canosa, Manolo Cortés e Alfonso Agra, presentará a historia de ambición e superación universal dun científico mozo que chega a ser o director de investigación de Zeltia, o que permitirá coñecer a orixe desta importante empresa farmacéutica.

No apartado documental, a TVG apoiará as realizacións de “A Lucenza de Quessada” e “Mais ca vida” e “Vida”. A proposta da Fundación Quessada afondará nas relacións artísticas e humanas do artista co seu fillo e a súa muller, o que dará as claves para coñecer a vida do xenio máis internacional da nosa pintura. Este traballo estará dirixido por Jorge Algora e producido por Susana Maceiras. “Mais ca vida” e “Vida” é un proxecto de Claqueta Coqueta, dirixido por Rubén Riós, que conxuga por un lado un documental de integración social coas testemuñas reais do día a día dunha asociación de rapaces e rapazas con discapacidade intelectual e, por outro, unha curtametraxe de ficción que amosa a loita e o afán de superación deste colectivo. Na curta participarán rostros moi coñecidos do audiovisual galego, como Cristina Castaño, Mariana Carballal, Javier Gutiérrez, Blanca Cendán ou María Mera

Na foto, autoría de Juan Luis Rúa, aparecen os actores Manuel Manquiña e o dominicano Fran Perozo, estes días en plena rodaxe de "Sol e Lúa" en Galicia.