CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A segunda temporada de 'O sabor das margaridas', entre as 10 series máis vistas de Netflix 48 horas despois da súa estrea

05/04/2021

Despois do éxito internacional da primeira quenda de capítulos, que foi ademais a primeira produción en galego da plataforma, a serie da TVG figura xa no Top 10 en España e outros países como A Arxentina, Grecia, Romanía e O Uruguai

A segunda temporada de 'O sabor das margaridas', entre as 10 series máis vistas de Netflix 48 horas despois da súa estrea

Santiago, 05.04.2021.-    A segunda temporada da serie da TVG ‘O sabor das margaridas’ estreouse o venres pasado en Netflix e, 48 horas despois, a ficción figura xa no ranking das 10 series máis vistas da plataforma en España, A Arxentina, Grecia, Romanía e O Uruguai, entre outros países.

Estreada na Televisión de Galicia no mes de marzo do ano pasado, a segunda quenda de capítulos da serie chegou esta Semana Santa ao xigante de streaming con algúns meses de atraso respecto á data inicialmente prevista, debido aos desaxustes provocados pola pandemia. Pero a súa estrea vai camiño de seguir o éxito internacional da primeira temporada, xa que foi a primeira produción en galego da plataforma e se situou axiña entre as ficcións más seguidas en lingua non inglesa dentro do Top 10 do Reino Unido e Irlanda.

Coproducida por TVG, CTV e Comarex, ‘O sabor das margaridas’ é un thriller policial con ADN galego. Comezou a ser emitida en Televisión de Galicia en 2018 e en Netflix en 2019. Na segunda temporada, composta por 6 capítulos de 70 minutos de duración, ‘O sabor das margaridas’ volve cun toque máis urbano, pero seguindo o seu xa recoñecido estilo galician noir.  

Dirixida por Álex Sampayo, conta on guión orixinal de Ghaleb Jaber Martínez, Eligio Montero e Raquel Arias. O elenco fórmano actores de renome en Galicia, outros que son revelación a nivel nacional e outros emerxentes de ámbito internacional. María Mera, Santi Prego, a actriz arxentina Noelia Castaño, ademais de Rebeca Stones, Sara Sanz e David Seijo, son algúns deles.

A ficción, que foi gravada entre Lugo, Santiago de Compostela e outras localizacións galegas, ten un marcado carácter policial e misterioso e desenvólvese en ambientes nocturnos e sombríos, creados para exaltar a psicoloxía dos personaxes.

‘O sabor das margaridas’ foi galardoada en 2019 co Premio Mestre Mateo á mellor serie de televisión e recibiu en 2020 o Premio da Cultura Galega no apartado audiovisual.