CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A saúde mental na adolescencia, protagonista da campaña de UNICEF e CRTVG

13/11/2022

TVG, Radio Galega e os medios dixitais emitirán desde o luns 14 ata o domingo 20 de novembro, Día Mundial da Infancia, contidos especiais relacionados coa protección da infancia

A audiencia poderá colaborar con UNICEF mediante o envío de SMS solidarias coa palabra AXUDA ao 28028. Co custo dunha mensaxe, 1,2 €

A campaña contará coa participación de cativos en programas como o ‘ZigZag’ ou 'Galicia en Goles'

A saúde mental na adolescencia, protagonista da campaña de UNICEF e CRTVG

Santiago, 11.11.2022.-  No marco da súa política de Responsabilidade Social Corporativa, a CRTVG únese un ano máis a UNICEF na XII Semana coa Infancia, que se desenvolverá desde o luns 14 ata o domingo 20 de novembro.

Ao longo de toda a semana, os programas informativos da TVG e da Radio Galega ‘Telexornal Mediodía’, ‘Telexornal Serán’, ‘Bos Días’, ‘A Revista’, ‘Galicia Noticias’ ‘Galicia por Diante’, ‘A Bóla Extra’, ‘A Tarde’, ‘A Crónica’, ‘Convivir’, ou mesmo o espazo ‘#DígochoEu’ colaborarán emitindo contidos e entrevistas relacionados co impacto das Tecnoloxías da Relación, a Información e a Comunicación (TRIC) na saúde mental da adolescencia; a educación en dereitos e a figura do coordinador de benestar e protección nos centros educativos; a privación material infantil e o impacto dos Presupostos Xerais do Estado na infancia ou como exercen os rapaces e rapazas o dereito á participación no X Foro de Participación Infantil e Adolescente no Parlamento de Galicia.

Así, o ‘Bos días’ do luns contará con Myriam Garabito, presidenta de UNICEF Galicia, o do venres con Gabriel González-Bueno, especialista en políticas de infancia de UNICEF España, e o sábado con Óscar Belmonte, de UNICEF Educación. ‘A revista’ emitirá o xoves unha entrevista en directo con Blanca Carazo, responsable de programas de UNICEF España, e ao longo da semana darase conta do X Foro de Participación Infantil e Adolescente no Parlamento de Galicia e visitarase un colexio de Poio (Pontevedra) recoñecido como referente na educación en dereitos.

Xa o domingo 20 de novembro, Día Mundial da Infancia, a CRTVG promoverá que a infancia e a adolescencia teñan voz, polo que se convidará nenos e nenas de varios municipios de Galicia a converterse, durante uns minutos, en xornalistas. Os máis pequenos serán os protagonistas do programa cultural ‘ZigZag’, compartindo tarefas de presentación con María Solar.

Un ano máis, ‘Luar’ ofrecerá, o venres 18, unha edición especial en que se coñecerá o labor de UNICEF para paliar o grave aumento da desnutrición derivado da inflación, a seca e o conflito de Ucraína ou como a organización promove a nutrición, a saúde e o dereito á auga, á hixiene e ao saneamento da infancia máis vulnerable.

Na Radio Galega, entre outros contidos, o ‘Galicia en Goles’ do domingo 20 dará de novo voz á infancia. Julia, 9 anos, de Redondela, entrevistará, xunto ao xornalista Tony López García, a Susana Rodríguez Gacio, médica e campioa paralímpica de tríatlon. A estas accións cómpre engadir a colaboración do portal web e as redes sociais da CRTVG, que apoiarán a campaña co cancelo #SemanacoaInfancia e visibilizarán a importancia de promover os dereitos da infancia recollendo as entrevistas, noticias e reportaxes nunha canle temática en www.crtvg.gal.

Saúde mental e impacto da guerra

    Este ano, UNICEF pon o foco na saúde mental da infancia e a adolescencia. Achegaranse os datos de acoso escolar e ciberacoso, en Galicia e en España, e como inflúen nos niveis de benestar emocional, integración social e satisfacción coa vida dos nenos e nenas que os sofren. Outra das temáticas será tratar como previr e actuar ante casos de violencia desde o ámbito educativo. Farase fincapé na importancia da implantación da figura do coordinador de benestar e protección nos centros educativos, tal e como establece a Lei Orgánica de Protección Integral á Infancia e á Adolescencia fronte á Violencia (LOPIVI). Analizarase tamén o impacto da guerra de Ucraína, a seca e a inflación, que deron como resultado un grave aumento da desnutrición no Corno de África, en países como Somalia ou Sudán do Sur, ou o aumento da pobreza na Federación Rusa, Romanía e a propia Ucraína.

A audiencia poderá colaborar con UNICEF mediante o envío de SMS solidarias coa palabra AXUDA ao 28028. Co custo dunha mensaxe, 1,2 €, UNICEF poderá proporcionar tratamento durante un día a un neno con desnutrición aguda grave. Tamén poderá promover os dereitos da infancia na páxina unicef.es. Con 10 euros ao mes durante un ano, UNICEF pode dar tratamento durante un día contra a desnutrición a 100 nenos.

IMPORTE DO SERVIZO DE SMS 1,2 € ÍNTEGROS PARA UNICEF. Movistar, Vodafone, Orange, Amena, Euskaltel e Yoigo. Operado por UNICEF. N.atn.clte: 900 907 500, Información legal e protección de datos: www.unicef.es