CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A RG comeza o ano levando ás ondas o podcast 'Superando a ficción' e co regreso do programa de música en directo 'Estudio 3'

13/01/2022

Os sábados 15, 22 e 29 de xaneiro, os oíntes poderán escoitar todos os capítulos do primeiro podcast nativo dixital da emisora pública, en que a xornalista Cristina García conta unha historia real que parece o argumento dunha obra de ficción

Tras a parada pola pandemia, o espazo presentado por Ricardo Alonso, que fai 25 anos, volve o luns para seguir levando os micrófonos de Radio Galega Música aos festivais e salas de concertos

A RG comeza o ano levando ás ondas o podcast 'Superando a ficción' e co regreso do programa de música en directo 'Estudio 3'

Santiago, 13.01.2022.-    A Radio Galega arranca o ano con novidades. A primeira delas chegará este mesmo sábado, 15 de xaneiro, cando comeza a emisión de ‘Superando a ficción’, o primeiro podcast nativo dixital da emisora pública, da xornalista Cristina García, coordinadora de programas da RG e condutora habitual do espazo ‘A Bóla Extra’. E o luns 17 regresa a Radio Galega Música o programa ‘Estudio 3’, presentado por Ricardo Alonso, que, tras a parada pola pandemia, volverá levar os micrófonos da RG aos festivais e ás salas de concertos.

RadioGalegaPodcast.gal, plataforma coa que a radio pública se adapta aos novos modelos de consumo da audiencia, lanzou o pasado mes de novembro ‘Superando a ficción’, un podcast feito por e para o medio dixital, á marxe dos patróns horarios propios da radio. Os oíntes da Radio Galega poderán achegarse a esta proposta este sábado e os dous seguintes (22 e 29 de xaneiro). De 12.00 a 13.00 h, ofreceranse os seis capítulos da primeira temporada, en que Cristina García conta unha historia real que, de non saber que sucedeu, parecería o argumento dunha obra de ficción. De feito, moitas destas historias acabaron sendo levadas á gran pantalla.

Na emisión deste sábado, os oíntes achegaranse á historia de amor de Ingrid Bergman e Roberto Rosellini, un romance que escandalizou o Hollywood da época, e coñecerán a orixe dos grandes almacéns en España nunha viaxe que os levará ata a Cuba revolucionaria.

Dous días despois, o vindeiro luns, chegará un momento sen dúbida agardado polos amantes da música en directo: o regreso a Radio Galega Música de ‘Estudio 3’, programa que se ofrecerá de luns a venres de 23.00 a 00.00 h e que volverá interactuar cos artistas nos seus concertos e presentacións. Os festivais e as salas galegas, sempre que a situación sanitaria o permita, volverán ser o escenario natural do espazo presentado por Ricardo Alonso.

Ademais, nesta temporada ‘Estudio 3’ celebra os seus 25 anos en antena, un tempo durante o que pasaron polo programa unha morea de artistas galegos, nacionais e internacionais de primeiro nivel, desde Lenny Kravitz, Elliott Murphy e Jamiroquai ata Loquillo, Joaquín Sabina e Radio Futura, pasando por Siniestro Total, Los Piratas e Xoel López, entre outras moitas figuras da música.