CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A Radio Galega retransmite o mércores o Celta-Osasuna e o Lugo-Almería por FM

18/01/2022

O Breogán-Baskonia, íntegro por g24.gal/deportes

A Radio Galega retransmite o mércores o Celta-Osasuna e o Lugo-Almería por FM

Santiago, 18.01.2022.- Este mércores a Radio Galega programa unha edición especial de 'Galicia en goles', con protagonismo para as ligas profesionais de fútbol e baloncesto.

Desde as sete menos cuarto da tarde, Paco Santos conduce as retransmisións do Celta-Osasuna, desde Balaídos, e do Lugo-Almería, desde o Anxo Carro. O programa tamén estará presente no Breogán-Baskonia e no Manresa-Obradoiro, da ACB, pero os que prefiran as canastras teñen a opción de escoitar íntegra a retransmisión do encontro do Pazo de Lugo a través de g24.gal/deportes.

Esta xornada entre semana chega nun momento chave para o Celta, que recibe a un rival directo para garantir canto antes a permanencia. Dous puntos separan aos dous equipos na clasificación e o que gañe sairá reforzado para asentarse na zona tranquila.

O Lugo, mentres, recibe ao líder da Segunda, pero coa seguridade que dá ter un colchón de seis puntos sobre a zona de descenso e cun partido menos que os seus principais rivais.

No baloncesto, o Breogán mídese cun dos conxuntos españois da Euroliga, pero que na competición nacional non está a pleno rendemento. Pode ser un partido histórico, xa que, de gañar o equipo de Lugo, conseguiría praza para a próxima Copa do Rei. Pola sua banda, o Obradoiro visita o Nou Congost para buscar ante o Manresa unha melloría na clasificación.

Ao remate do 'Galicia en goles', a audiencia da Radio Galega poderá escoitar os protagonistas dos catro partidos desde as once da noite no programa 'Ao contraataque'.