CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A Radio Galega retransmite o mércores o Atlético Baleares-Celta, da Copa do Rei

03/01/2022

Desde as oito menos cuarto da tarde, especial 'Galicia en Goles'

A Radio Galega retransmite o mércores o Atlético Baleares-Celta, da Copa do Rei

Santiago, 03.01.2022.- Van rematando as festas e o calendario futbolístico aprétase. Tras reanudar a Liga o domingo pasado, o Celta apenas ten tempo para preparar o próximo compromiso, de novo fóra de Balaídos. O mércores, ás oito do serán, visita o Atlético Baleares, no partido da eliminatoria de dezaséisavos de final da Copa do Rei. A Radio Galega comezará a emisión do 'Galicia en Goles' ás oito menos cuarto e prolongarase ata a medianoite.

O equipo de Coudet vén de gañar o Betis no Villamarín e remata a primeira volta da Liga como o terceiro mellor equipo en canto a resultados nos partidos desenvolvidos a domicilio. No torneo da Copa do Rei só participou nunha rolda, ante o Andorra no Estadi Nacional, e solucionou a clasificación despois dunha prórroga.

Roberto Carlos Carballo viaxa ata Palma de Mallorca para contar desde o estadio Balear todo o que suceda sobre o terreo de xogo. Estará acompañado nos comentarios por Jorge Paz, José Valtierra e Moncho Carnero, nun programa que conducirá Toni López García e no que tamén haberá información do resto da xornada copeira.

O Celta rematará a semana de partidos fóra da casa visitando o sábado a Real Sociedade, no campionato de Liga. Será o primeiro encontro da segunda volta, que os oíntes da Radio Galega tamén poderán seguir no 'Galicia en Goles' desde as tres da tarde.