CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A Radio Galega retransmite este sábado o trofeo Quinocho entre o Celta de Vigo e o Al-Shabab de Arabia Saudita

04/08/2022

Desde as seis da tarde, esta edición especial do ‘Galicia en Goles’ tamén contará os amigables Lugo-Rácing, Depor-Castilla e Celta B-Pontevedra

A Radio Galega retransmite este sábado o trofeo Quinocho entre o Celta de Vigo e o Al-Shabab de Arabia Saudita

Santiago, 4.8.2022.-  A unha semana para o comezo da Primeira División Profesional, o programa deportivo da Radio Galega contará desde Balaídos a disputa do Memorial Quinocho entre o Celta de Vigo e o Al-Shabab de Arabia Saudita. Este será o único encontro do cadro olívico ante a súa afección na pretemporada.

Durante a tarde tamén terá protagonismo o último amigable do Club Deportivo Lugo, antes de principiar na Segunda División Profesional. O rival será o Rácing de Ferrol, un dos candidatos a pelexar polo ascenso desde a Primeira RFEF. Tamén ten encontro de preparación o Deportivo da Coruña, ante o filial do Real Madrid, o Castilla.

A xornada futbolística complétase co enfrontamento entre dous veciños que compartirán este curso categoría na Primeira RFEF, o filial do Celta e o Pontevedra, acabado de ascender.

Cando remate de rodar o balón, o ‘Galicia en Goles’ dedicará a última hora de emisión ao proxecto #GaliciaEnXogo, coa información do motor e o seguimento aos deportistas galegos que aspiran a competir en París 2024.

Na fin de semana, os oíntes da Radio Galega teñen outras citas co deporte, coas edicións informativas das dúas e cuarto da tarde e o domingo a última hora, ás oito da tarde. Mentres, continúan as redifusións de ‘Convivir Deportivo’, ás tres da tarde, e o domingo, ás once da noite, chegará o resumo semanal de ‘Ao Contraataque’.

A partir do sábado 13, o ‘Galicia en Goles’ recupera o formato de retransmisións da Liga cunha ampla edición de catro da tarde a doce da noite, centrada na estrea do Celta ante o Español en Balaídos.