CRTVG viva
A Radio Galega estrea este domingo 'Diario Cultural Zeta'
Presentado por Aser Álvarez, este programa está dirixido aos máis novos e terá unha duración de 45 minutos
Vaise emitir os domingos e contará coa colaboración dos prescritores e autores máis novos
‘Diario Cultural Zeta’ tamén terá o seu espazo propio na web diariocultural.gal, con todos os destacados de cada programa e as colaboracións de todos os expertos

Santiago, 17.09.2020.- Este domingo, o ‘Diario Cultural’ da Radio Galega estrea unha nova sección dirixida á xuventude, ‘Diario Cultural Zeta’, que terá unha duración de 45 minutos e que se emitirá todos os domingos desde as 14.15 ata as 15.00 horas. Ademais, no seu obxectivo de querer comunicar e chegar á xente moi nova, contará coa presenza de convidados, colaboradores, prescriptores e influencers en distintas especialidades da mesma idade.
Presentado por Aser Álvarez, o ‘Diario Cultural Zeta’ terá como colaboradores a Brais Romero, Sara Donoso, Cibrán Tenreiro, Ana Abad e Tamara Andrés, que son persoas novas e expertas en diferentes ámbitos que levarán ao estudio de gravación os contidos e convidados de cada edición.
Ademais, o programa incorporará a sección ‘Nos meus 20 anos…’, onde diferentes personaxes de xeracións anteriores e xa consolidados contaranlles aos oíntes o que facían a nivel cultural cando tiñan 20 anos. E, como complemento a esta voz máis experimentada, ‘Diario Cultural Zeta’ finalizará cada edición cunha entrevista de actualidade a personaxes que están nos seus 20.
‘Diario Cultural Zeta’ tamén terá o seu espazo propio na web diariocultural.gal, con todos os destacados de cada programa e as colaboracións de todos os expertos.