CRTVG Viva
A Radio Galega é a emisora que máis medra en España
Novo dato histórico para o conxunto de emisoras públicas con 256.000 oíntes de luns a venres, segundo o último Estudo Xeral de Medios feito público este xoves
O informe de Barlovento destaca a Radio Galega como a xeneralista que máis crece en todo o país
Radio Galega Música medra ata os 70.000 oíntes e o ‘Diario Cultural’ duplica o seu impacto

Santiago, 09.12.2021.- O grupo de emisoras de Radio Galega remata 2021 acadando un novo rexistro histórico de audiencia: 256.000 oíntes de luns a venres, segundo os datos da terceira onda do Estudo Xeral de Medios coñecida este xoves, o que reforza a RG como primeira emisora pública de Galicia.
A Radio Galega é a emisora de radio que máis sobe en audiencia ata alcanzar os 184.000 oíntes de luns a venres, isto supón, segundo os datos do EXM recollidos no informe da consultora de referencia Barlovento, que a Radio Galega “é a emisora xeneralista que máis crece” en toda España, e faino nun contexto de baixada do consumo da radio xeneralista. Radio Galega Música acada os 70.000 oíntes de luns a venres e tamén se posiciona entre as 25 temáticas con máis audiencia de España, e Son Galicia Radio, emisora dixital integramente de música en galego, entra por primeira vez na clasificación, con 2.000 oíntes no conxunto da semana.
O conxunto de programas da canle pública, tanto de entretemento como de informativos e deportes, medraron nesta última onda do EXM. Tanto o magacine matinal ‘Galicia por Diante’ e ‘A Tarde’ acadan resultados ao alza neste final de ano, e o espazo ‘Pensando en ti’ segue a ser o líder indiscutible das madrugadas galegas. Tanto nas fins de semana como durante a semana suben os programas deportivos da Radio Galega, liderados unha onda máis polo buque enseña dos deportes, o ‘Galicia en Goles’. No eido da cultura, e na mesma liña de crecemento, o ‘Diario Cultural’ de luns a venres incrementou de novo a súa audiencia e supera xa os 53.000 oíntes.
A Radio Galega amplía o seu servizo
A estes datos de audiencia hai que sumar o despregamento de radiogalegapodcast.gal, o novo servizo dixital da emisora pública, con ducias de espazos entre os que xa hai programas nativos dixitais. Os medios públicos completan así a súa oferta, e posiciónanse nos ámbitos de consumo dos novos oíntes.