CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A produción galego-dominicana 'Sol e Lúa', participada pola TVG, é candidata a mellor comedia e mellor director nos Premios Soberano 2019

02/05/2021

Convocados pola Asociación de Cronistas de Arte, estes galardóns, que se entregarán en Santo Domingo no mes de xuño, son equivalentes aos Goya españois e aglutinan tamén os sectores da arte, a música e a televisión

Coa emigración como pano de fondo, a película, dirixida por José E. Pintor, foi rodada na súa meirande parte en Galicia e conta no seu elenco cos actores galegos Nerea Barros e Manuel Manquiña

A produción galego-dominicana 'Sol e Lúa', participada pola TVG, é candidata a mellor comedia e mellor director nos Premios Soberano 2019

Santiago, 02.05.2021.-   A comedia romántica ‘Sol e Lúa’, unha produción de Ézaro Films participada pola Televisión de Galicia, conseguiu dúas candidaturas para os Premios Soberano 2019, convocados pola Asociación de Cronistas de Arte (Acroarte) da República Dominicana, uns galardóns equivalentes aos Goya españois, pero que tamén aglutinan os sectores da arte, a música e a televisión.

‘Sol e Lúa’, unha película producida por Antonio Sánchez, é candidata aos Soberano nas categorías de mellor comedia cinematográfica e mellor director de cine (José E. Pintor). A gala de entrega de premios celebrarase no mes de xuño no Teatro Nacional Eduardo Brito de Santo Domingo.

Cos dominicanos Frank Perozo e Dalisa Alegría e os galegos Nerea Barros e Manuel Manquiña como protagonistas, o filme foi rodado na súa meirande parte en Santiago de Compostela, ademais de en localizacións de Valdoviño, Santo Domingo e Punta Cana.

Baseada nunha idea orixinal de Ángel Peláez e con guión de José Antonio Pastor, José E. Pintor e Ángel de la Cruz, quen conta xa con tres premios Goya no seu haber, esta produción galego-dominicana xira arredor da vida dun documentalista que sae de Santo Domingo e viaxa a Galicia para tratar de atopar os motivos que teñen os emigrantes para abandonar a súa vida e deixar o seu país de orixe.