CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A película 'Clown's Planet', participada pola TVG, preséntase no Festival de Ourense

29/09/2021

O filme, que retrata o traballo de pallasos activistas en axuda dos desfavorecidos, iniciará o 1 de outubro unha xira por varios cines galegos e a partir do 12 de novembro poderá verse en plataformas dixitais de streaming

A película 'Clown's Planet', participada pola TVG, preséntase no Festival de Ourense

Santiago, 29.09.2021.-    Despois da súa première mundial no prestixioso Parnü International Documentary and Science Film Festival, a película ‘Clown’s Planet’, dixirida polo realizador galego Héctor Carré e participada pola TVG, preséntase hoxe no Festival Internacional de Cine de Ourense.

Tras esta estrea nacional no OUFF, o 1 de outubro chegará en formato de xira a cines de Santiago para viaxar posteriormente á Coruña e Vigo. Estas estreas contarán coa presenza do director e dalgúns convidados, que realizarán a presentación e participarán nun coloquio. Parte da recadación destes pases estará destinada ao festival solidario Festiclown. Ademais, a película poderá verse a partir do 12 de novembro en plataformas dixitais de streaming.

‘Clown’s Planet’ retrata o traballo de pallasos activistas en axuda dos desfavorecidos en diferentes lugares do mundo. Os seus principais personaxes son Iván Prado, un pallaso activista galego cofundador da asociación Pallas@s en rebeldía; Leo Bassi, un clown con fama internacional e fundador dun espazo de reunión e reflexión no barrio de Lavapiés de Madrid, chamado O Paticano, e Patch Adams, mundialmente coñecido como o ‘médico da  risoterapia’ despois de que unha película de Hollywood protagonizada por Robin Williams retratase a súa vida.

O filme foi rodado en lugares tan diversos como Xerusalén, San Petersburgo, A Coruña, Nablus ou Madrid e, aínda que indaga sobre o valor do traballo dos activistas en lugares de conflito ou de sufrimento, ten un ton amable e divertido, mentres trata de entender as bondades que producen nas nosas sociedades actuais o humor e o punto de vista amoroso co que os pallasos enfrontan a vida.