CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A G2 estrea esta noite a serie documental ‘Contaminación mariña. O mar de Galicia ante o cambio climático’

08/06/2021

Apoiada por espectaculares imaxes submarinas, nas dúas entregas desta produción amósanse os factores que prexudican a saúde do mar e do planeta, e pregúntase como se pode corrixir esta tendencia

A G2 estrea esta noite a serie documental ‘Contaminación mariña. O mar de Galicia ante o cambio climático’

Santiago, 08.06.2021.-  A G2 achega este martes unha nova estrea documental con selo galego. Nesta ocasión, a canle pública ofrecerá a serie ‘Contaminación mariña. O mar de Galicia ante o cambio climático’ (23.25 h), realizada en 2021 por Valentín Carrera e formada por dous capítulos: ‘Planeta Océano estresado’ e ‘Coidar a despensa’.  

A primeira entrega, que leva por título, ‘Planeta Océano estresado’, conta como os océanos son os verdadeiros pulmóns do planeta, a placenta que habitan millóns de seres vivos, desde bacterias ata ás baleas, e como este mar está agora estresado. A través de poderosas imaxes submarinas, combinadas cos fenómenos climáticos extremos en terra -ciclóns, tornados, tsunamis, choiva torrencial, ondas de calor, ondas de frío-, coñecerase que está pasando no mar, na pesca ou na acuicultura debido ao quecemento e o cambio climático, que produce a febre do planeta.

‘Coidar a despensa’, o segundo episodio, mergúllase nas profundidades dun mar cheo de plásticos, microplásticos e nanoplásticos, e pregúntase que poden facer os cidadáns para cambiar a saúde do mar e do planeta. As prodixiosas imaxes submarinas de Jorde Candán (bicampeón Mundial de Vídeo Submarino) adentran os espectadores no abismo dun mar invadido polo plástico e o lixo: redes pantasma, verteduras de petróleo, lixivias e deterxentes das lavadoras, augas fecais sen depurar e todo canto converte o mar na nosa propia cloaca.

O documental aborda a destrución e morte de corais polos efectos do cambio climático, e o impacto da acidificación, a extracción, a escorrentía agrícola, a contaminación e a sobrepesca. Un millón de aves e cen mil mamíferos mariños morren cada ano pola polución plástica, e o problema agrávase cos pesticidas e herbicidas usados en agricultura, que producen altas concentracións de fósforo e nitróxeno e alteran as poboacións de algas, e crean áreas inhabitables para os peixes: zonas mortas, moitas delas irreversibles.

Esta peza documental convida a tratar o mar cun inmenso respecto, coma se cada metro de costa fose a nosa propia bañeira ou unha despensa, sempre aberta e xenerosa, un agasallo da natureza.