CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A directiva do Celtic Media Festival visita a CRTVG

02/12/2022

No marco da súa viaxe a Galicia para participar nas xornadas ‘I+P, Ideas para Producir’ do Clúster do Audiovisual Galego, achegáronse a San Marcos para coñecer o sistema dixital de produción dos medios públicos

A directiva do Celtic Media Festival visita a CRTVG

Santiago, 02.12.2022.-    O presidente do Celtic Media Festival e director xeral da canle TG4, a televisión pública de Irlanda, Alan Esslemont, acompañado por Catriona Logan, directora do Celtic Media Festival, e Naomi Henry-Wright, xerente da mesma entidade, visitaron este xoves o centro de San Marcos da CRTVG, onde coñeceron as instalacións, redaccións, platós e a nova área de Documentación e Arquivo.

No seu percorrido, no que se interesaron moi especialmente polo recente proceso de dixitalización e a estratexia de futuro da canle, estiveron acompañados por Fernando R. Ojea, director de Contidos da CRTVG; Xaime Arias, director de Proxección Social, e Montse Besada, xefa de Contidos da Corporación.

A CRTVG é membro da alianza de televisións de países celtas representadas no Celtic Media Festival, que promove a cultura e linguas dos países celtas nos ámbitos do cinema, a televisión, a radio e os novos medios de comunicación.

A Coruña acolle esta semana unha xornada de pitching organizada polo Clúster Audiovisual Galego, a décimo sexta edición do evento ‘I+P, Ideas para Producir’, ao que acoden máis dun cento de profesionais do sector de España e Europa. Entre eles, responsables de contidos de televisións e plataformas, distribuidores e produtores, así como de eventos do sector como o Celtic Media Festival, un referente no audiovisual europeo. A CRTVG, mediante esta asociación, exerce como ponte entre o sector audiovisual galego e produtores doutras partes de Europa para abrir camiño e fomentar o desenvolvemento de estratexias e proxectos audiovisuais internacionais.

Na foto superior, de esquerda a dereita, Fernando R. Ojea, Naomi Henry-Wright, Catriona Logan, Montse Besada, Alan Esslemont e Xaime Arias