CRTVG Viva
A CRTVG presenta en Polonia os resultados do recente Congreso de CIRCOM en Compostela
Foi convidada pola televisión pública do país a participar nunhas xornadas sobre o valor da televisión rexional
O director de Comunicación da CRTVG compartiu unha mesa redonda co ministro polaco de Dixitalización e con representantes da TVP e da Universidade

Varsovia, 26.05.2013.- O efecto do congreso de Circom Regional, a asociación europea da televisión pública rexional, que se celebrou este mes en Santiago de Compostela organizado pola CRTVG, tivo un novo capítulo en Varsovia, onde o director de Comunicación do ente galego e vicepresidente de Circom, Fernando Ojea, foi convidado pola televisión pública polaca, TVP, a participar nunhas xornadas sobre o efecto da televisión rexional na sociedade da información.
Ojea participou nunha ponencia seguida de mesa redonda que compartiu co ministro polaco de Administración e Dixitalización, Michal Bori, xunto con directivos da TVP e profesores da Universidade de Varsovia. O representante da CRTVG explicou as inquedanzas amosadas no congreso de Santiago en materia de xestión estratéxica, tecnoloxía, xornalismo e produción televisiva; o debate sobre as redaccións integradas; a posta ao día sobre as novas utilidades do móbil para producción televisiva e como tendencia de consumo audiovisual, e os casos de España, Portugal, Irlanda e Noruega que foron estudados no cumio de Santiago.
As xornadas de Varsovia, dirixidas principalmente a directivos da TVP e da comunidade académica, foron transmitidas por unha canle temática da TVP e por internet. Con elas, a televisión pública está a reflexionar sobre o desenvolvemento das 16 canles rexionais con que conta espalladadas por todo o país. Amais do congreso compostelán, xornadas do mesmo perfil téñense producido nos últimos meses noutros puntos de Europa, como Irlanda ou o lander alemán de Saxonia.
Por outro lado, Fernando Ojea cederá en xuño a vicepresidencia de Circom a Tena Perisin, representante de Croacia e organizadora do congreso de Circom para 2014, se ben o directivo galego seguirá a ser membro do Comité Executivo da organización europea.
Na foto superior, o director de Comunicación do ente galego e vicepresidente de Circom, Fernando Ojea.