CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A CRTVG pecha as contas en superávit por 13º ano consecutivo

23/06/2022

O director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, presentou este xoves no Parlamento as contas anuais de 2021, que amosan uns medios públicos financeiramente sólidos

No 2021 o resultado orzamentario foi positivo en 2,8 millóns de euros

A estrutura patrimonial da CRTVG medrou desde 2009 en 17,1 millóns, un incremento do 56%

A xestión financeira permitiu pasar do 40% de temporalidade no emprego en 2009 á consolidación do

A CRTVG pecha as contas en superávit por 13º ano consecutivo

Santiago, 23.06.2022.-  A CRTVG non ten débedas bancarias e afronta o futuro con solidez financeira. A Corporación dos medios públicos galegos obtivo no 2021 un resultado orzamentario en posición de superávit de 2,8 millóns de €, consolidando a redución do déficit histórico acumulado, segundo as contas anuais presentadas este xoves no Parlamento de Galicia. En total, no período 2009-2021 saneáronse 39,5 millóns de € (un 77,4%) sobre a débeda existente en 2009, grazas ao percorrido positivo de 13 anos de xestión económica e financeira. Esta actuación fixo tamén posible amortizar a débeda bancaria xa no “ano 2013, no que desaparece a débeda bancaria da Corporación, que era de 32 millóns de euros”.  

O director xeral da Corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo, presentou este xoves as contas correspondentes ao ano pasado ante a Comisión de Control da CRTVG, onde sinalou que o servizo público de comunicación está “comprometido co significado social da CRTVG como axente da vida colectiva de Galicia no plano institucional, cultural e económico, mesmo no seu papel de referencia na construción colectiva do país”.

Estes resultados acádanse nun marco de redución orzamentaria, o cal “revela unha importante capacidade da xerencia orzamentaria, en clave de mellora da produtividade e da coherencia dos custos.  Así,  o   orzamento   pasa   de   146,8   millóns de euros   en   2009  a  110,3  en  2021. En consecuencia, o orzamento diminuíu en  36,5 millóns de euros, que representan unha porcentaxe do 25% e permite afirmar que mellora obxectivamente a eficiencia ao acadar mellores resultados a un custo menor.”  Esta xestión (2009-2022) permitiu reequilibrar a situación patrimonial e financeira na que estaba a Corporación levada pola acumulación histórica de déficits de tesourería non presupostados anteriores ao 2009.

En canto á estrutura patrimonial, “a CRTVG medrou en valores absolutos desde 2009 en 17,1 millóns, o que representa un incremento do 56%. As contas presentadas esta mañá amosan así mesmo indicadores positivos de liquidez, de recursos de capital e de endebedamento, o que permite soster a actividade da Corporación e apoiar o seu crecemento e a innovación a través de novos investimentos e proxectos de futuro”.

Nesta liña, a transformación dixital é un vector estratéxico orientado a maximizar a difusión de contidos a través das canles dixitais e das novas plataformas OTT. O director xeral explicou que a CRTVG traballa “nos catro vectores que a Estratexia dixital de Galicia 2030 determina que debe ter unha empresa pública: igualdade dixital, foco nas persoas, impulso dun ecosistema dixital forte e liderado dixital”. “A Corporación exerce unha tracción decisiva como motor do sector audiovisual galego, na medida que está comprometida coa elaboración da maioría dos seus contidos en Galicia”, expuxo tamén Sánchez Izquierdo.

Consolidación do emprego

O resultado positivo nas contas de 13 anos de xestión permitiu reducir a temporalidade no emprego, que no ano 2009 se situaba por riba do 40%. No que respecta ao cadro de persoal, a xestión no 2021 estivo centrada na “execución dun plan de benestar laboral caracterizado por un compromiso inequívoco co emprego de calidade e a estabilización completa do cadro de persoal que se materializa na Resolución do 24 de maio de 2022, polo que se aproba a oferta de emprego da CRTVG cun total de 270 prazas, co cal desaparece a temporalidade do cadro, é dicir, estabilízase o 100% do cadro de persoal”. Isto significa que “baixo esta dirección xeral, a temporalidade pasará do 40% de 2009 a ter consolidado o 100% do cadro de persoal. Os gastos de persoal cun valor de execución en 2021 de 49,8 millóns de euros representan un 45,4% do total da execución das aplicacións de gasto”.

A xerencia orzamentaria desenvolvida no ano 2021 na CRTVG contribuíu a potenciar as capacidades de xestión estratéxica, innovación e apoio ao sector audiovisual de Galicia.