CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A CRTVG, no debate sobre o futuro do márketing dixital no marco do congreso Flúor de Pontevedra

07/10/2021

O director de Innovación e Negocio da Corporación, José Pereira, expuxo o papel da CRTVG como motor dos novos modelos de publicidade dixital en Galicia

A CRTVG, no debate sobre o futuro do márketing dixital no marco do congreso Flúor de Pontevedra

Santiago, 07.10.2021.-    O director da área de Innovación e Negocio da CRTVG, José Pereira, participou este xoves en Flúor, o maior evento sobre márketing dixital do noroeste. Organizado en Pontevedra polo Clúster de Comunicación de Galicia, o programa incluíu a mesa de debate ‘Video Advanced TV’ na que Pereira interveu, xunto con Mercedes Blánquez, xefa de Desenvolvemento de Negocio e Capacidades de Publicidade de Movistar+TV, e Álvaro Pastor, directivo de Sunmedia, compañía especializada en optimización de vídeo para publicidade.
    
O director de Innovación da CRTVG explicou a importancia de incorporar as novas formas de facer márketing e publicidade nun medio de comunicación público para seguir atendendo as necesidades dos anunciantes en Galicia. Modelos como a publicidade segmentada a través de televisión híbrida (HbbtV) ou a publicidade programática nos televisores conectados permiten establecer novos xeitos de relación entre o anunciante, o medio de comunicación e a cidadanía. A CRTVG está a incorporar estas últimas tendencias tanto nos formatos para o televisor como para o resto de plataformas dixitais, o que lle permite abrir novas oportunidades publicitarias para todas as empresas anunciantes que desexen chegar á cidadanía galega.
    
Durante as dúas xornadas do evento, 25 especialistas en negocio ou publicidade dixital, entre eles directivos de axencias dixitais galegas, así como de Google, TikTok, Movistar+, a revista Yorokobu ou o grupo hoteleiro Palladium Hoteles, entre outros, están a debater en Pontevedra sobre o presente e futuro da publicidade dixital, a transformación do audiovisual, e-commerce, estratexia de marca ou o márketing aplicado ao sector turístico. Flúor representa un proxecto colectivo de todo o sector galego da comunicación, xa que no Clúster de Comunicación de Galicia se integran profesionais do márketing, a comunicación, o deseño, a creación publicitaria e as imprentas. Esta é a terceira edición do evento, que recuperou o seu formato presencial e será clausurado este venres ao mediodía.