CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A CRTVG lanza 'Sinxelo', un espazo informativo para mellorar a accesibilidade das persoas con discapacidade

16/02/2022

O proxecto nace en colaboración coa Universidade de Vigo e é pioneiro en España en achegar a información ás persoas con algunha dificultade de comprensión

Desde hoxe, os servizos informativos da TVG emitirán vídeos accesibles en G24 e nas redes sociais

O proxecto ‘Sinxelo’, foi presentado no informativo ‘A revista’ cun primeiro vídeo que o define 

A CRTVG lanza 'Sinxelo', un espazo informativo para mellorar a accesibilidade das persoas con discapacidade

Santiago, 16.02.2022.- A CRTVG e a Universidade de Vigo únense no proxecto 'Sinxelo', que desde este mércores achegará vídeos diarios en formato de “lectura sinxela” a persoas con discapacidade.

Con esta 'Acción G' de Responsabilidade Social Corporativa, os medios públicos amplían a súa accesibilidade para difundir información audiovisual en galego nun formato baseado na “lectura sinxela”. A difusión dos vídeos será a través da web G24.gal e as canles dixitais YouTube, Facebook, Instagram e TikTok.

A CRTVG é o primeiro medio audiovisual en aplicar este nivel de comunicación con este formato aos seus contidos. Os vídeos serán realizados polos Servizos Informativos da TVG en colaboración co Departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo, quen verificará, validará e intervirá tamén na adaptación dos contidos e formatos para cumprir cos estándares da “lectura sinxela”.  

O proxecto foi presentado no estudio de 'A revista' por Lourdes Lorenzo, profesora titular do Departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo e experta en tradución audiovisual (dobraxe, subtitulación e subtitulación para persoas xordas); Sonsoles Facal, doutoranda e impulsora da tradución de libros a lectura sinxela a través da experiencia 'DosPuntos', e o xornalista Carlos F. Amado, responsable do proxecto por parte da TVG.

Easy-to-read

'Sinxelo' segue os criterios de “lectura sinxela”, método que aplica pautas e recomendacións á redacción de textos, ao ritmo das imaxes ou ao deseño e maquetación de documentos, sempre coa finalidade de facer accesible a información ás persoas con dificultades de comprensión lectora, fundamentalmente, ainda que non só, a persoas con síndrome de Down.

A voz do vídeo está xerada mediante intelixencia artificial e a súa velocidade está regulada ao fin correspondente. Os parámetros dentro dos que se move o proxecto están tamén marcados pola asociación Inclusion Europe, apoiada pola Unión Europea, e levarán o logo Easy-to-read.