CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A CRTVG estrea canle en Twitch este mércores cun encontro de #DígochoEu con escolares de toda Galicia

11/05/2021

A primeira sesión será este mércores 12 de maio, coa participación de escolares e profesores de centros educativos 

A estrea pode seguirse en twitch.tv/crtvg, ás 12:00h

A CRTVG estrea canle en Twitch este mércores cun encontro de #DígochoEu con escolares de toda Galicia

Santiago de Compostela, 11.05.2021.- A CRTVG estrea este mércores canle en Twitch, a plataforma de vídeos en directo, cunha primeira sesión de #DígochoEu en streaming ás 12 do mediodía e coa participación de centros escolares de toda Galicia.

A sesión estará protagonizada polo equipo habitual que conforma o #DígochoEU, o seu director Carlos Amado, a xornalista Esther Estévez e a lingüista Rocío Pérez.

O #DígochoEu quixo arrancar a canle adicando o primeiro programa á comunidade educativa, xa que son centenares as propostas que chegan desde os colexios de toda Galicia sumándose e replicando o espazo da CRTVG.

De feito, para esta primeira actividade na plataforma, recibíronse máis de 60 peticións de centros docentes das catro provincias.

Actualmente #DígochoEu pode verse na web crtvg.gal en g24.gal, así como nas contas de Instagram (g24noticias), Twitter (g24noticias), Facebook (g24noticias), Youtube (youtube.com/tvg) e TikTok (tiktok.com/@digochoeu) e no Telexornal da TVG.

A boa recepción entre os máis novos fai que os capítulos diarios en TikTok cheguen a máis de 100.000 seguidores e que xa tiveran máis de 15 millóns de impresións.