CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A CRTVG busca ata o 5 de decembro a canción que lle porá a banda sonora ao Nadal galego

22/11/2022

As persoas interesadas en participar na oitava edición do concurso ‘Este Nadal canta con nós’ deben enviar os seus temas, inéditos e escritos en galego, ao enderezo canciondonadal2022@crtvg.es

A CRTVG busca ata o 5 de decembro a canción que lle porá a banda sonora ao Nadal galego

Santiago, 22.11.2022.-    A CRTVG mantén aberto ata o 5 de decembro o prazo para participar na oitava edición do certame ‘Este Nadal canta con nós’, que ten como obxectivo atopar a mellor banda sonora para acompañar os galegos e galegas este Nadal.

As cancións participantes deben de ser inéditas e orixinais, ademais de estaren escritas en lingua galega. Cada grupo ou solista presentará un só tema, cunha duración non superior aos 3 minutos, e poderá enviar un vídeo musical do mesmo. Os participantes enviarán as súas cancións, de temática libre, en formato mp3 e, en caso de presentar vídeo musical, en mp4, ao enderezo canciondonadal2022@crtvg.es.

O premio conta cunha dotación económica de 1.000 euros e, para decidir o gañador, o xurado valorará a orixinalidade, a calidade técnica e o acompañamento dun vídeo musical. Ademais do premio, a canción gañadora terá difusión na televisión e na radio públicas, así como nas redes sociais da Corporación.  

O xurado estará composto por cinco persoas designadas pola dirección da Corporación Radio e Televisión de Galicia e o 12 de decembro farase público o tema vencedor e unha lista puntuada ata o quinto posto na web www.crtvg.gal, onde tamén se poden consultar as bases do concurso.

Esta é a oitava edición deste concurso musical, que anteriormente gañaron os nenos do CEIP San Clemente de Caldas de Reis, coa súa proposta ‘Cando é Nadal’; Iván Vale, co tema ‘O meu Nadal perfecto’; Plan Siberia, con ‘Xunto a ti’; Susana Martínez, con ‘O sinal’; o CEIP Covas de Meaño, con ‘Saúde e cante o merlo’; Kiko Bea, coa canción ‘Un Nadal distinto’, e o grupo xuvenil King Kids, que se fixo coa última edición do certame grazas ao tema ‘Un bo Nadal’.