CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A CRTVG busca ata o 5 de decembro a canción que lle porá a banda sonora ao Nadal galego

23/11/2021

As persoas interesadas en participar na sétima edición do concurso ‘Este Nadal Canta con Nós’ deberán enviar ao enderezo canciondonadal2021@crtvg.es temas inéditos e escritos en galego

A CRTVG busca ata o 5 de decembro a canción que lle porá a banda sonora ao Nadal galego

Santiago, 23.11.2021.-    A CRTVG segue na busca da canción que lle porá a banda sonora ao Nadal e ata o 5 de decembro recibe candidatas a acompañar os galegos e galegas durante as vindeiras festas. Os temas que se presenten á sétima edición do concurso ‘Este Nadal Canta con Nós’ deben de ser inéditos e orixinais, ademais de estaren escritos en lingua galega.

Cada grupo ou solista participante presentará un só tema, cunha duración non superior aos 3 minutos, e poderá enviar un vídeo musical do mesmo. Os participantes enviarán as súas cancións, de temática libre, en formato mp3 e, en caso de presentar vídeo musical, en mp4, ao enderezo canciondonadal2021@crtvg.es.

O premio conta cunha dotación económica de 1.000 euros e, para decidir o gañador, o xurado valorará a orixinalidade, a calidade técnica e o acompañamento dun vídeo musical. Ademais do premio, a canción gañadora terá difusión na televisión e na radio públicas, así como nas redes sociais da Corporación.  

O xurado estará composto por cinco persoas designadas pola dirección da Corporación Radio e Televisión de Galicia e o 10 de decembro farase público o tema vencedor e unha lista puntuada ata o quinto posto na web www.crtvg.gal, onde tamén se poden consultar as bases do concurso.

Esta é a sétima edición deste concurso musical, que anteriormente gañaron os nenos do CEIP San Clemente de Caldas de Reis, coa súa proposta ‘Cando é Nadal’; Iván Vale, co tema ‘O meu Nadal perfecto’; Plan Siberia, con ‘Xunto a ti’, Susana Martínez, con ‘O sinal’; o CEIP Covas de Meaño, con ‘Saúde e cante o merlo’, e Kiko Bea, que se fixo coa última edición do concurso grazas á canción ‘Un Nadal distinto’.