CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A consagrada cantante estremeña Soraya e o novo talento Joel Padín presentan disco esta noite en 'Bamboleo'

13/02/2021

A orquestra Los Satélites amenizará a velada (22.05 h), mentres que os bailaríns vigueses Álex e Noelia realizarán dúas exhibicións de danza moderna

A consagrada cantante estremeña Soraya e o novo talento Joel Padín presentan disco esta noite en 'Bamboleo'

Santiago, 13.02.2021.-    ‘Bamboleo’ (22.05 h) acode hoxe puntual á súa cita dos sábados pola noite na Televisión de Galicia. Nesta ocasión, Xosé Manuel Piñeiro recibirá a visita dunha artista estremeña que leva 16 anos ocupando un lugar destacado no panorama musical: Soraya. A cantante de Valencia de Alcántara estrea novo disco, ‘Luces y sombras’, un traballo autobiográfico en que se recollen colaboracións con diversos artistas e temas moi especiais para ela. Soraya Arnelas xogará a contar curiosidades no ‘Sobes ou Baixas’ cos vídeos de Tamara Pérez, mentres Claudio Pan porá a proba a destreza da estremeña como debuxante.

O espazo de entretemento familiar contará tamén coa visita de Joel Padín, gañador da edición de ‘Pequenos Fenómenos’ do ano 2017, que vén presentar o seu primeiro disco, ‘Aughas mortas’, un traballo de música tradicional galega.

A música da orquestra Los Satélites amenizará a noite no estudio de ‘Bamboleo’ e no apartado de baile profesional os bailaríns vigueses Álex e Noelia realizarán dúas  exhibicións de danza moderna. Tampouco faltará a alegría da festa: Isi, cos seus contos e  vivencias, cos que sempre provoca as risas do público e dos espectadores.

Vanesa Bouza e Daniel Argibay serán os participantes na sección do ‘Agora ou Nunca’ para talentos da canción. Esta noite interpretarán os temas ‘Fuera’, de Karina, e ‘Chiquilla’, de Seguridad Social.

No karaoke de ‘A Jrileira’, Maikel, polo Club Sílex Tiro con Arco das Pontes, e María, polo Club Baloncesto Cambre, cantarán o tema ‘Caprichosa’, de Chayanne, e sumarán puntos adiviñando intérpretes de cancións. Na ‘ITV do Amor’, Paula será a persoa que teña que acertar cal é a verdadeira parella de Nico a partir das respostas das súas posibles mozas: Lucía, Noelia e Estela.