CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A comedia de enredo 'Cuñados', protagonista dunha nova noite de cinema galego na TVG

08/08/2022

A ópera prima do ourensán Toño López, rodada integramente en Ourense, ten como protagonistas a Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez

A comedia de enredo 'Cuñados', protagonista dunha nova noite de cinema galego na TVG

Santiago, 8.8.2022.-   O cinema galego volve este luns ser protagonista no prime time da TVG, coa emisión de ‘Cuñados’ (23.15 h), película participada pola TVG e ópera prima do ourensán Toño López. Esta comedia de enredo para escachar coa risa, conta con Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez como protagonistas.

‘Cuñados’ conta as peripecias delituosas deste trío inigualable de cuñados, unidos polo azar. Os tres, embarcados nun plan disparatado, terán ao seu carón algunhas das profesionais máis recoñecidas e queridas do noso audiovisual, como Mela Casal, María Vázquez, Iolanda Muíños e Eva Fernández, entre outras.

A trama comeza con Eduardo (Miguel de Lira) e o seu cuñado Sabonis (Xosé A. Touriñán) en apuros, xa que precisan moitos cartos tras meter a zoca nun dos seus negocios. Sabonis será quen atope a solución ao problema secuestrando a Modesto (Federico Pérez), cuñado de Alicia Zamora, a empresaria que os enganou e deixou tirados. Só hai un pequeno problema: Alicia non pensa pagar nin un euro polo seu cuñado. Con todo, é o propio Modesto quen pensa un novo plan co que Eduardo e Sabonis poderán salvar a adega familiar. Estes tres cuñados téñeno todo para fracasar, pero como diría Sabonis, malo será.

O guión é obra de Araceli Gonda e o equipo técnico está integrado por Jaime Pérez, na dirección de fotografía; Lu Rodríguez, na montaxe; Santi Jul e Iván Laxe, na música orixinal, e Andrea Pozo, na dirección artística, entre outros. Amais da participación da TVG, conta coa participación de RTVE e coa subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Rodada integramente en Ourense, en ‘Cuñados’ colaboraron tamén a Deputación de Ourense e a D. O. Ribeiro.