CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A audiencia da Televisión de Galicia do sábado 24 de xullo, a máis alta dos últimos oito anos

26/07/2021

A retransmisión dos Fogos do Apóstolo, cunha cota do 19,8%, foi a de maior audiencia dos últimos tres anos, con picos do 24,8% arredor da medianoite

Nesta fin de semana, cun despregamento de medios técnicos e humanos para cubrir todos os actos centrais en Compostela, a Galega chegou ao 48,4 % dos galegos de 4 e máis anos

A audiencia da Televisión de Galicia do sábado 24 de xullo, a máis alta dos últimos oito anos

Santiago, 26.07.2021.-    A programación especial da TVG dos días 24 e o 25 de xullo con motivo dos Fogos do Apóstolo e do Día de Galicia obtivo o apoio dos espectadores. A emisión especial dos Fogos do Apóstolo desde a cidade de Santiago acadou unha cota do 19,8%. Foi o programa de maior audiencia dos últimos tres anos, cun pico do 24,8% arredor da medianoite.

De feito, a TVG liderou esa franxa de prime time en Galicia cun 16,8% de cota, xa que Tele5, o competidor máis próximo, acadou un 12%. As dúas canles foron son as únicas que lograron superar o 10% de cota no conxunto da xornada. A TVG acadou un 12,6% no conxunto do sábado, a máis alta dos últimos oito anos nestas datas.

Na xornada do 25 de xullo as audiencias tamén superaron o 10% de cota tanto no conxunto do día (10,4%) coma no prime time (11%).

Nesta fin de semana, cun importante despregue de medios técnicos e humanos para cubrir todos os actos centrais en Compostela, a Galega chegou ao 48,4% dos galegos de 4 e máis anos.