CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A artista canaria Cristina Ramos fará gala da súa poderosa voz no escenario de 'Bamboleo'

17/04/2021

O programa tamén contará esta noite coas actuacións do cantante galego Brais Morán e do Grupo Beatriz, formación asturiana que ten no acordeón o seu sinal de identidade

A artista canaria Cristina Ramos fará gala da súa poderosa voz no escenario de 'Bamboleo'

Santiago, 15.04.2021.-     ‘Bamboleo’ (22.00 h) contará esta noite coa presenza dunha grande artista canaria, finalista e gañadora de varios programas de talentos de distintos países e de sona mundial, en que asombrou a todos coa súa poderosa voz: Cristina Ramos. No seu primeiro traballo discográfico, titulado ‘Superstar’, Cristina amosa a súa versatilidade mesturando estilos tan dispares como o rock e a ópera, cun resultado espectacular. Ademais de cantar, Cristina xogará e será partícipe do espectáculo deste sábado xunto con Xosé Manuel Piñeiro e os colaboradores: Tamara Pérez, Claudio Pan e Isi.

O artista galego Brais Morán tamén estará no programa presentando o seu último sinxelo, ‘Disque ao soul’, un tema que vai máis aló do funk; con influencias de country, música brasileira, música tradicional galega e moito máis.

Os ritmos máis bailables chegarán coas actuacións musicais do Grupo Beatriz, unha formación asturiana que ten no acordeón o seu sinal de identidade. O baile urbano será o protagonista no ‘Dirtidansi’ desta noite, coas exhibicións dunha parella de campioas galegas: Nerea e Elvira.

Os participantes do ‘Agora ou Nunca’ serán Micaela Toledano e Francisco Barrio, que cantarán, respectivamente, os temas ‘You know I am no good’, de Amy Winehouse, e ‘Música do gago’, de Rubén Aguiar. Na ‘Jrileira’, o karaoke para entidades deportivas, participarán Fran, polo Club Deportivo Nantón, de Cabana de Bergantiños, e Oliva, pola Escola de Tenis Justo al Revés, de Fene. En primeiro lugar, tocaralles cantar ‘80 veces’, de Rozalén, e a continuación, acertar intérpretes de cancións.

Finalmente, na ‘ITV do Amor’, un concursante do público terá que adiviñar cal das tres participantes é a moza de Martín. Seguro que non llo poñen nada fácil e máis sabendo que os colaboradores do programa estarán despistando cos seus comentarios.