CRTVG Viva
A Academia española de Televisión entregoulle á TVG o premio ao Mellor Informativo Autonómico
O galardón, entregado nunha gala celebrada en Aranjuez (Madrid), foi concedido pola cobertura realizada pola canle pública galega sobre a catástrofe ferroviaria de Angrois
A directora de TVG agradeceu o recoñecemento aos valores do "servizo público e a información de proximidade" se ben lamentou que o premio fose por un feito tan tráxico

Santiago, 11.06.2014.- A Academia das Ciencias e as Artes de Televisión, que preside Manuel Campo Vidal, entregoulle a noite pasada a Televisión de Galicia no premio ao Mellor Informativo Autonómico de 2013, nun acto celebrado no Gran Casino da localidade madrileña de Aranjuez e que reuniu a máis dun milleiro de profesionais da maior parte das canles e sectores do mundo televisivo.
O galardón concedeuse pola cobertura informativa da catástrofe de Angrois e foi recollido pola directora da TVG, Rosa Vilas, quen salientou o feito de que se trate dun premio outorgado por profesionais do sector, ao tempo que agradeceu que con el se faga un recoñecemento aos valores que representa a canle pública galega. "Creo que Televisión de Galicia esa noite foi máis servizo público e de proximidade ca nunca", expresou.
Na súa intervención ao recoller o trofeo, Rosa Vilas, quen asistiu acompañada por varios representantes dos Servizos Informativos de TVG, mencionou o traballo feito pola canle "con moitísima dignidade e profesionalidade" para ser referente informativo e facer unha cobertura informativa á altura do que demandaba a sociedade diante dun suceso como o acontecido o pasado mes de xullo en Compostela. Así mesmo lamentou que o premio se producise por unhas circunstancias tan tráxicas, ao tempo que lembrou ás víctimas do accidente ferroviario.
No transcurso da gala déronse a coñecer os gañadores dun total de 20 categorías dos Premios Iris, que se votaron en secreto e ante notario polos membros da Academia. A coñecida presentadora Mayra Gómez Kemp tiña previsto recoller o premio Toda Unha Vida, que outorga cada ano o Consello da Academia de TV.
Con relación á cobertura informativa da TVG do desastre de Angrois destacouse a profesionalidade e rápida reacción da canle pública galega. Pouco despois das dez da noite do 24 de xullo do ano pasado, a TVG suspendía a programación especial, deseñada con motivo do Día de Galicia, e reorganizaba os seus recursos técnicos e humanos para realizar unha ampla cobertura desta traxedia sen precedentes no noso país. Nada máis coñecer a gravidade do suceso, en moi pouco tempo, a TVG reforzábase con informadores e técnicos que non estaban en activo nese intre e foi quen de montar un especial informativo de tres horas de duración con conexións en directo, declaracións de testemuñas e imaxes do suceso.
Ao día seguinte, a cobertura informativa da Televisión de Galicia foi igualmente constante e amplísima, cun total de 200 profesionais mobilizados, chegando ás doce horas programadas especificamente para cubrir a catástrofe, incluíndo oito puntos de directo nos lugares de atención informativa e coa obtención en exclusiva de imaxes aéreas do lugar do accidente. As imaxes da Galega e as crónicas da emisora pública foron solicitadas por medios audiovisuais de España e outros países. No seu momento, o tratamento do especial informativo “Accidente Angrois” polos profesionais da TVG foi tamén amplamente recoñecido por medios de ámbito estatal.
Os XVI Premios Iris elixíronse entre un total de 166 candidaturas presentadas polas canles de televisión, produtoras e profesionais. O consello da Academia seleccionou ademais, no apartado de Autonómicas, Mellor Ficción (Polseres Vermelles, de TV3), Mellor presentador/a de programas (Juan y Medio, de Canal Sur), Mellor presentador/a de informativos (África Baeta, de ETB2) e Mellor programa de entretemento (Oregón Televisión, de Aragón TV) e Mellor Programa de Actualidade (Primera Página, de Canal Extremadura).
Na foto, a delegación de TVG pousa co premio durante a gala en Aranjuez. De esquerda a dereita, Vanessa Grela, xefa de Programas de TVG; Manuel Torrente, presentador do Telexornal e do programa especial que cubriron as primeiras noticias da traxedia ferroviaria; Pilar Bermúdez, directora de Informativos; Rosa Vilas, directora de TV; Xosé Manuel Maseda, redactor xefe, e Julio Jiménez, xefe de Produción de Informativos.