CRTVG Viva
Ampla despregadura na Radio Galega no Deportivo-Celta B do domingo en Riazor
O derbi protagonizará o ‘Galicia en Goles’ desde as 15:00 h

Santiago, 23.03.2023.- A fin de semana está marcada polo derbi da Primeira Federación entre o Deportivo da Coruña e o Celta B. Tras os resultados da xornada pasada, a distancia entre os dous equipos quedou reducida a só tres puntos, polo que o partido deste domingo ás 19:00 h en Riazor cobrou especial transcendencia.
A implicación do sector privado nos desafíos sociais, clave na loita contra a pobreza, explicou o director de UNICEF no 'Bos Días'

Santiago, 23.03.2023.- O director executivo de UNICEF España, José María Vera, visitou este xoves o estudio do ‘Bos Días’ da TVG, onde salientou a necesidade da implicación do sector privado na loita contra o impacto na infancia da desigualdade e do aumento da pobreza. Vera, quen esta tarde ofrece unha conferencia na Coruña sobre Responsabilidade Social Corporativa, salientou a colaboración entre o terceiro sector e o mundo empresarial como paso imprescindible para o labor de entidades como UNICEF.
O rapeiro e actor El Langui pintará a mona no 'Land Rober Tunai Show' deste xoves
O programa contará tamén coa presenza de Antonio Garrido e amosaralles aos espectadores que é o que pasou realmente no avión con Marta Sánchez e Carlos Baute

Santiago, 23.03.2023.- O ‘Land Rober Tunai Show’ recibe esta semana o rapeiro e actor El Langui, que vai descubrir o talento que hai en Galicia nun xogo con moito freestyle. Ao show unirase o andaluz máis galego: o actor Antonio Garrido.
Ademais, os espectadores verán como a alcaldesa de Traspazos convoca de novo os veciños. A razón é que hai un deles que está facendo un mal uso da conta que comparten para ver as series. E público e audiencia revivirán o que pasou realmente no avión con Marta Sánchez e Carlos Baute.
Así pois, as risas están garantidas un xoves máis na Televisión de Galicia, a partir das 21:55 h, co humor de Roberto Vilar, Eva Iglesias e Miguel Canalejo.
A CRTVG estrea canle en YouTube Kids cos vídeos de 'Digochiño', a mascota do #DígochoEu
A oferta en YouTubeKids súmase á recente posta en marcha de digochiño.gal, a web dedicada ao personaxe que os sábados fomenta na G2 o galego entre a cativada

Santiago, 22.03.2023.- A CRTVG estrea esta semana nova canle en YouTube Kids, dedicada aos máis pequenos da casa e onde xa é posible atopar os vídeos de ‘Digochiño’, a mascota do #DígochoEu, que están tamén dispoñibles na súa propia web, digochiño.gal, desde hai uns días.
YouTube Kids é unha plataforma de vídeos que ofrece unha experiencia en liña máis segura para os menores, cunha contorna máis controlada para que estes poidan navegar por si mesmos facilmente. Ademais, axuda a pais e coidadores a guialos nesta aventura no eido dixital. Esta nova proposta súmase á estreada pola CRTVG este mesmo mes de marzo: a web digochiño.gal, dedicada ao raposo branco e azul que cada sábado fomenta na G2, xunto a Esther Estévez, o uso do galego entre os cativos da casa. Tanto a web coma a canle en YouTube Kids, son un contedor dos vídeos con todas as conversas entre o raposiño e a xornalista en que, entre outros temas, falan de ecoloxía, feminismo, expresións tipicamente galegas ou cuestións cotiás, incorporando tamén cancións, que son as que máis están triunfando nos primeiros pasos de Digochiño en YouTube Kids.
Desde a súa creación, hai case tres meses, ‘Digochiño’ converteuse en todo un fenómeno viral nas redes sociais. A través das canles dixitais de #DígochoEu, os vídeos do raposo azul superan xa 2.200.000 de reproducións en TikTok e acumulan outros centos de milleiros en Instagram.
‘Digochiño’ xurdiu como un spin-off do espazo #DígochoEu, o multipremiado proxecto dos medios públicos galegos creado hai tres anos para contribuír ao fomento da lingua. É un pequeno raposo azul e branco, as cores da bandeira galega, que foi gañando protagonismo en medios dixitais con cada entrega, grazas á boa acollida da cativada. O espazo infantil conta cun estudio propio nas instalacións da TVG, en San Marcos, onde se gravan as entregas. O raposo foi a última incorporación ao universo do espazo #DígochoEu, que conta cun portal propio, digochoeu.gal, redes sociais e directos semanais en Twitch, con milleiros de seguidores, ademais dos Premios #DígochoEu, destinados a centros escolares, ou o espazo #DígochoWHAT?!, en que Esther Estévez lles ensina galego a estranxeiros.
Toni López recolle o Premio Deporte Galego ao programa da RG 'Galicia en Xogo Olímpico'
O director e presentador deste espazo da RG recibiu este luns o galardón no transcurso dunha gala celebrada en Ribeira, en que se recoñeceu o traballo de 22 persoas e entidades relacionadas co deporte galego

Santiago, 21.03.2023.- O director e presentador de ‘Galicia en Xogo Olímpico’, Toni López García, recolleu este luns o galardón concedido a este programa da RG nos Premios Deporte Galego 2019-2022, que, no transcurso dunha gala celebrada no Auditorio Municipal de Ribeira, recoñeceron o traballo de 22 persoas e entidades relacionadas co deporte en 18 categorías.
O espazo da Radio Galega, que foi recoñecido no apartado de mellor labor informativo, acompaña cada semana os deportistas galegos na súa preparación de cara aos vindeiros Xogos Olímpicos.
Entre os premiados figuran tamén Teresa Portela, Ana Peleteiro, Adiaratou Iglesias, Carlos Arévalo, Martín de la Puente, o Burela fútbol sala, o Tríatlon Cidade de Lugo, os equipos genuine do Deportivo e do Lugo, o Basquet Coruña, o adestrador Miguel Méndez, o árbitro de tenis Manuel Franco, a padexeira Antía Jácome e as escolas de balonmán Xiria e Bueu. Os mundiais de loita e grampling, o Gran Camiño de ciclismo, a empresa Recalvi, o instituto de investigación biomédica da Coruña, a Fundación Enki e o instituto Manuel García Barros tamén recibiron cadanseu galardón.
De xeito excepcional e por mor da pandemia, os Premios Deporte Galego abarcaron nesta ocasión catro exercicios: os comprendidos entre 2019 e 2022. Ademais de premiar o máis destacado do deporte galego durante estes últimos catro anos, con fincapé especial na pegada deixada nos Xogos Olímpicos de Tokyo, esta edición dos galardóns recoñeceu o esforzo de todo o tecido deportivo durante a pandemia e a súa rápida recuperación, que contribuíu a que o deporte galego ratifique a súa posición como referente nacional e internacional.
A CRTVG consegue 13 candidaturas aos Premios Celtic Media Festival, a cifra máis alta acadada ata agora
O #DígochoEu obtén dobre nomeamento, no apartado de formato curto e tamén na categoría de Espírito do Festival
Pola TVG optan a galardóns os espazos ‘Os Castelos’, ‘O tren que me leva’, ‘Náufragos’, ‘Tanxuverbena’ e ‘Meniños cantores’, ademais das películas ‘Código Emperador’, ‘O corpo aberto’ e ‘Os demos de barro'

Santiago, 16.03.2023.- Un total de 13 producións dos medios públicos galegos son finalistas aos Premios Celtic Media Festival 2023, que se fixeron públicos este xoves, a cifra máis alta acadada ata agora pola CRTVG. Neste certame compiten televisións como a británica BBC, as irlandesas RTE e TG4, a galesa S4C, a escocesa MG Alba e a bretoa FR3. Entre as propostas da CRTVG, cómpre salientar as dúas candidaturas do popular espazo de fomento do uso do galego da CRTVG #DígochoEu, que presenta Esther Estévez. Ademais de competir no apartado de formato curto, foi elixido por parte do xurado para participar na categoría Espírito do Festival.
A CRTVG leva catro producións ao Festival de Cine de Málaga, con ‘Matria’ e ‘Sica’ competindo na Sección Oficial
Fóra de concurso, estarán presentes ‘Amigos hasta la muerte’ e ‘Honeymoon’
En conxunto, as cadeas de FORTA achegarán ao evento cinematográfico 49 creacións audiovisuais

Santiago, 16.03.2023.- A CRTVG estará presente con catro producións na vixésimo sexta edición do Festival de Málaga, un dos encontros máis importantes da industria cinematográfica española, que se celebra do 10 ao 19 na capital da Costa do Sol. Competirán na Sección Oficial ‘Matria’ e ‘Sica’, mentres na Selección Oficial fóra de Concurso estarán presentes ‘Amigos hasta la muerte’ e 'Honeymoon'.
Xosé Ramón Gayoso recolle o Premio da Cultura Galega 2022 pola súa traxectoria no audiovisual
O galardón, concedido no apartado audiovisual, recoñece a súa traxectoria de 30 anos á fronte de ‘Luar’, o espazo musical máis antigo da televisión en España, que une música, baile, cultura popular e moito humor e que contribúe a visibilizar o novo talento musical e o sector da música popular galega

Santiago, 15.03.2023.- O presentador do programa ‘Luar’, Xosé Ramón Gayoso, unha das caras máis coñecidas e queridas da TVG, recolleu esta tarde o Premio da Cultura Galega 2022 no transcurso dun acto celebrado na Delegación Territorial da Xunta en Lugo, presidido polo presidente galego, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e conducido polo xornalista da Galega Arturo Fernández.
Gayoso foi premiado no apartado audiovisual destes galardóns, que recoñecen así a súa traxectoria de 30 anos á fronte de ‘Luar’, o programa máis lonxevo da Galega e a cita agardada de cada venres no prime time desta canle. Tres décadas despois daquel primeiro ‘Luar’, o programa é tamén o espazo musical máis antigo da televisión en España. ‘Luar’, do que Gayoso tamén é codirector, une música, baile, cultura popular e humor, así como unha gran complicidade cos espectadores, contribuíndo a visibilizar o novo talento musical e o sector da música popular galega. O presentador da Televisión de Galicia, que hoxe recolleu o premio de mans do presidente da Xunta, xa fora distinguido coa Medalla Castelao ano 2017.
O resto dos galardoados este ano foron: na modalidade de Letras, a escritora Marica Campo; en artes visuais, a catedrática de Historia da Arte Contemporánea María Victoria Carballo-Calero; no apartado de artes escénicas, a actriz lucense Melania Cruz; no eido musical, os Cursos Universitarios Internacionais ‘Música en Compostela’; no apartado de lingua, o catedrático e investigador Manuel González; en patrimonio cultural, a asociación cultural Xacarandaina, e, na sección de proxección exterior, o programa ConCiencia, da USC e o Consorcio de Santiago.
Cos Premios da Cultura Galega, feitos públicos o pasado mes de outubro, o Goberno autonómico distingue, un ano máis, a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección do panorama cultural da nosa comunidade, así como o compromiso de proxectos, traxectorias e iniciativas que enriquecen a realidade e identidade cultural de Galicia.
Esther Estévez, elixida mellor comunicadora de televisión por segundo ano consecutivo nos Premios Mestre Mateo
A película 'O corpo aberto', apoiada pola Televisión de Galicia, foi a gran triunfadora da noite con 12 galardóns, entre eles o de mellor longametraxe
A gala foi retransmitida en directo polos medios públicos desde Ourense

Santiago, 12.03.2023.- A xornalista e presentadora do espazo #DígochoEu da CRTVG, Esther Estévez, acadou este sábado o seu segundo premio Mestre Mateo como mellor comunicadora de televisión. Esther Estévez, premiada por segundo ano consecutivo, agradeceu o galardón asegurando sentirse “unha privilexiada” mentres recoñecía unha vez máis o traballo de todo o equipo do programa e que se inspira “en toda a xente que segue o espazo desde moitas partes do mundo, non só desde Galicia e que aprecian a nosa lingua”.
FORTA celebra a súa Xunta Xeral en Málaga cunha xornada sobre investimento en cine
A reunión dos directores xerais dos Organismos de Radio e Televisión Autonómicos coincide coa inauguración da XXVI edición do Festival de Cine de Málaga

Santiago, 10.03.2023.- A Xunta Xeral da Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicos (FORTA) reuniuse hoxe no Museo de Málaga, no Palacio da Aduana, con motivo da celebración da 26ª edición do festival de cine da cidade malagueña, que se celebra ata o 19 de marzo.