CRTVG

Buscar

Destacados

Mònica Margarit, directora xeral da Fundación Princesa de Girona: "Aos mozos hai que escoitalos agora, non deixalos para o futuro"

28/02/2020 - 08:24 h

O centro Ágora da Coruña foi o escenario escollido para a proclamación da categoría social do Premio Fundación Princesa de Girona 2020. Nunha entrevista no Galicia por diante, a directora xeral da fundación, Mònica Margarit, explicou que estes premios nacen "do noso empeño en aumentar a visibilidade dos mozos" para "que a sociedade escoite a súa voz" e "a súa presenza sexa máis notoria".

En palabras de Margarit, "nós estamos convencidos de que aos mozos hai que escoitalos agora, non deixalos para o futuro". E, nese sentido, a directora xeral da fundación salientou que estes "son uns premios cun xurado moi importante, moi expertos, e recóllense nunha cerimonia con moita prensa acreditada e moita visibilidade, polo que son mozos que teñen esa oportunidade de actuar como referentes ou faros do resto".

"O obxectivo único da fundación", explica Margarit, "é apoiar os mozos". Un obxectivo que articulan en "tres direccións". Por unha banda, mediante "unha liña de traballo para que haxa cada vez un 'pool' de referentes máis importante para o resto de mozos, e que sexan escoitados en xurados, consellos asesores, congresos, xornadas..." e, en xeral, "alí onde pasan cousas imporantes". Por outra, a Fundación Princesa de Girona 2020 colabora "con máis de 30 empresas", asegura Margarit, para traballar "na empregabilidade dos mozos con formación superior que foron a primeira xeración na súa familia en acceder a ela". E, en terceiro lugar, desenvolven "unha liña vinculada á transformación educativa" que "pretende o desenvolvemento profesional dos estudantes de educación infantil e primaria", propoñéndolles "prácticas na escola rural" e a posibilidade de que realicen alí o seu traballo de final de grao.

A directora xeral da Fundación Princesa de Girona, engadiu ademais un "obxectivo transversal" da fundación, que é "a mobilidade" dos mozos "entre comunidades autónomas", o que, segundo Margarit, "non só mellora a empregabilidade dos mozos, senón que, ao sacalos da súa zona de confort, fainos máis capaces de contribuír á mellora da sociedade".

Antes do acto de proclamación, que estará presidido pola raíña Leticia, máis de 250 mozos coruñeses participarán nun reto para atopar solucións para paliar a soidade das persoas maiores. Onte, ademais, un dos premiados da categoría social visitou dous centros educativos na Coruña para contar a súa traxectoria.

Cortes dos diferentes programas da RG