CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Programa PSOE-UP

31/12/2019 - 07:37 h

Para empezar, eu non me atrevo a chamarlle programa de goberno ao que presentaron Sánchez e Iglesias. Para ser un programa necesita algo máis: necesita marcar prazos de execución e ser un pouco más explícito no financiamento do que se promete. Digamos que é unha declaración de intencións do que propoñen facer gobernando en coalición. E, en conxunto, parece un catálogo de queixas recollidas nos medios de comunicación para dicirlle á sociedade: aquí estamos nós, e imos resolvelo todo. E cando dicimos todo, dicimos todo. Non o ides crer, pero preocupámonos incluso polos impactos da comida lixo, que así figura nos 55 folios asinados polos dous.

Así, nunha primeira ollada, parece máis un programa de Podemos ca do PSOE, como se demostra no carpetazo á reforma laboral, porque os socialistas non eran partidarios da súa derrogación, senón de reformas profundas, pero parciais. Cedeu, en cambio, Podemos nas cantidades de aumento do IRPF. Era partidario de que se aplicase a partir dos 90.000 euros, e saíu o que propoñían os socialistas, 130.000 euros.

Nas intencións, hai datos abondos de que se trata de dar un xiro de 180 graos á política de Rajoy, por non dicir de desfacela, como se demostra nesa reforma, pero tamén na derrogación da LOMCE, a lei educativa de Ignacio Wert e do PP. E algo que se destaca pouco na prensa escrita: quérese volver aos convenios colectivos de empresa, e non aos sectoriais, porque iso dálles máis poder aos sindicatos. Os sindicatos gañan tamén, pero perden as empresas. Supoño que a CEOE protestará.

En xeral, é un proxecto típico de esquerdas, que algún xornal cualifica como "axenda social" e que os propios autores definen como "coalición progresista". Ten un pouco de laico ao facer que a materia de relixión non compute na media. Ten un pouco de cesión aos independentistas, como non podía ser doutro xeito, aínda que non recolle todos os puntos do pacto co PNV nin as imposicións de Esquerra Republicana, que seguen sendo secretas coma segredos de Estado.

En canto á cualificación, oscila entre unha "estafa", que di Pablo Casado, ou o salvoconduto ao populismo que di Inés Arrimadas, e esa imaxe que se publica dos cabezas visibles do PSOE e de Podemos tranquilamente de parola, en que faltan uns pés para arriba da táboa, e en que Pedro e Pablo están relaxados despóis da deposición.

O que fixeron é un papel de boas intencións, que abarca todo e xa veremos se aperta algo, e que ten unha lagoa fundamental: con tanto gasto público como propón, e cos 9.000 millóns que a Comisión Europea propón como axuste, ninguén explicou como van saír as contas. Debe ser, benquerido López Vila, por arte de maxia.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia