CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Campaña electoral

31/10/2019 - 07:38 h

Si señor, mañá a esta hora xa estaremos en campaña electoral. É dicir, estaremos igual ca onte, igual que hai unha semana, igual que hai un mes, e se me apuras, igual ca sempre. A gran diferenza con outras campañas é que esta empeza cun presidente do Goberno expedientado por electoralismo, cousa nunca vista nunhas eleccións españolas. E hai outra diferenza que merece un artigo á parte.

Agora os partidos non loitan só por gañar nas urnas, senón por gañarlles ás enquisas. É dicir, que o Partido Popular perdería se queda por debaixo dos cen escanos que lle dan algunhas sondaxes, e Pedro Sánchez perdería tamén se queda por debaixo dos 133-150 que lle dá o barómetro do CIS. Quizais por iso o señor Tezanos dá esa marxe de 17 escanos. Malo será que non poida salvar a cara. Polo contrario, Ciudadanos sae tan mal nas enquisas que, con pouco que mellore, Albert Rivera non terá que dimitir.

Esas son as singularidades. O máis serio é o que está en xogo nestas eleccións. Está en xogo ter ou non ter un goberno despois do día dez, cousa transcendental, porque o que sería impresentable sería que houbese que repetilas por terceira vez. Aquí desempeña un papel moi importante o voto útil, que será o grande argumento das chamadas dos mitins e outros discursos e declaracións.

Está en xogo de que cor será ese goberno, porque podemos ir a unha coalición de esquerdas, que polo de agora se levan fatal, ou unha coalición de dereitas na que tería un notable papel o partido Vox. E non é o mesmo un goberno con Vox que outro goberno con Podemos.

E hai moito en xogo en Cataluña. Se o independentismo consegue ser a ideoloxía máis votada, se cadra cambia o discurso, porque empezaría a ter maioría social, que cambia por completo o panorama. E, situados en Cataluña, xa veremos o que fan os violentos, porque hai medo a que poidan organizar o sábado de reflexión ou que o domingo intenten boicotear os colexios electorais. Ganas non lles faltan e no Goberno central hai esa preocupación.

Por certo, que ninguén se preocupe pola incorporación da plurinacionalidade ao programa do PSOE. Para facer esa nova definición do Estado, hai que reformar a Constitución. E para reformar a Constitución, hai que contar co PP. E dito iso, este cronista apártase do micrófono ata o día 11 á mesma hora. Non serei eu quen vaia romper a imparcialidade desta emisora.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia