CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

ERC, acordo pechado

30/12/2019 - 07:37 h

Polo que acabamos de escoitar, isto está rematado. Xa queda menos para que en calquera hora, por non dicir en calquera minuto, apareza unha nova que anuncie: Esquerra dixo si. E atención ao detalle: os dous pasos que faltan non son do PSOE, senón de Esquerra Republicana. Este partido independentista é o que decide o final, o que pon a derradeira palabra, e iso é importante para as xogadas estratéxicas. Esquerra é quen manda, que o saiba todo a mundo.

Chegados aquí, só queda agardar e a única dúbida é se todo será antes ou despois de Reis. Se a investidura fose o día 5, a xura do presidente sería o día 6, que é o día da Pascua militar, co cal Pedro Sánchez imporíase ás cerimonias da Pascua, e non faltaría quen dixese que, unha vez máis, o presidente taparía a figura de Filipe VI, que só estaría nas fotos.

Pero iso xa o veremos. O transcendente é como se chegou ata aquí. Chegouse dun xeito escurantista, dunha opacidade absoluta. Non temos nin idea do que se falou, de cales son as condicións dos acordos. Non sabemos se houbo ou non houbo concesións do Estado. Non sabemos se nesas concesións hai algo que favoreza o camiño de Cataluña á independencia. Non sabemos se é un acordo ideolóxico de esquerdas ou un acordo que poida afectar á esencia do Estado. A única esperanza é que, despois de asinado, o señor Pedro Sánchez teña a transparencia que ata agora non tivo e que nos explique toda a verdade e que non haxa cláusulas secretas no pacto.

E para min é moi transcendente o que pasou onte. Os independentistas tiveron o informe da Avogacía do Estado antes ca o resto dos españois. Foi filtrada polo propio Goberno nunha actitude que é denunciable, porque supón un trato de privilexio que non se xustifica nin pola importancia de amarrar o acordo. Non me estraña que a Asociación de Avogados do Estado saíse cunha insólita nota a dicir que non aceptan inxerencias no seu traballo e que ese traballo se basea unicamente en criterios técnicos e xurídicos. Isto é unha cura en saúde, porque se estaba dicindo, empezando por min, que a Avogacía do Estado era a institución máis prexudicada no estrés ao que foron sometidas case que todas as institucións do Estado. A nota da Asociación é unha autodefensa, pero non despexa a dúbida de que a Avogacía foi utilizada. E, se non o foi nos contidos, foino no uso case clandestino que se fixo dela.

Agardemos que non se volva repetir, porque a Avogacía é do Estado, e non do Goberno, pero así son as cousas neste tempo político. E remato dicindo, benquerido López Vila, que para o ano novo, día arriba ou día abaixo, teremos goberno. Ante o seu perfil e as súas intencións, só cabe algo parecido a unha oración: que saia ben.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia