CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

CIS de outubro

30/10/2019 - 07:39 h

O que lles pasa ás enquisas do CIS, sobre todo na era Tezanos, é que teñen un pecado orixinal: que o Centro de Investigacións Sociolóxicas ten un presidente que é moi socialista. Tan socialista, que está na executiva do partido. E iso fai, por moito que acerte, que produzan desconfianza, sobre todo se lle dan moita vantaxe a Pedro Sánchez, que é o que vén pasando con todas as que se fixeron dende que Sánchez está no goberno.

Esta, en concreto, contén outro factor que provoca moitas dúbidas: o que se chama traballo de campo, é dicir, as entrevistas foron feitas antes da sentenza do Supremo, antes dos disturbios de Cataluña e antes do traslado de Franco a Mingorrubio. Como se supón que eses feitos teñen unha repercusión electoral non recollida, a desconfianza é meirande ou, polo menos, xustifica que algúns medios informativos teñan argumentos para desconfiar. Por iso o xornal El Mundo lle chama ao barómetro "desfasado" e La Voz de Galicia chámalle "moi desfasado".

Ao mesmo tempo, a vantaxe das enquisas do CIS é que son o resultado de máis de 17.000 entrevistas. 17.000 entrevistas, ademais persoais e presenciais, non son ningunha broma. Son un traballo intenso que non se pode nin comparar co traballo das empresas privadas. Aí está a credibilidade que se lles pode dar. E moitas veces acertan, como acertaron nas últimas eleccións de abril. Esas son as circunstancias que dificultan o comentario: hai razón para confiar e hai razón para desconfiar.

A máis difícil é que o CIS contradí todo o dito polas outras sondaxes, como se houbese unha visión oficialista da realidade electoral, que lle dá a vitoria á esquerda, e outra visión privada, moito máis favorable á dereita. Eu non quito nin poño rei, pero digo: isto é o que hai. E o que hai é que España hoxe é de esquerdas. A suma de votos da esquerda chega ao 50 por cento, quizais pola caída de Ciudadanos, que é o gran preduxicado, fale o CIS ou falen os privados. Fale Agamenón ou fale o seu porqueiro.

Pero claro: non está dito todo. Hoxe hai máis dun 20 por cento de electores, uns sete millóns, que aínda non decidiron a quen votar. Empeza a ser tradición que moitos votantes decidan o seu voto no último día, no último intre, no propio colexio electoral. E ninguén sabe o que pode pasar de aquí ao día 10, tal e como está Cataluña. Polo tanto, prever resultados, por moitos cartos que se gasten, é como botar unha primitiva. E iso si: se unha enquisa tan seguida dá por gañador a Sánchez, estalle facendo un favor a Sánchez. As eleccións gáñanse se un vai como gañador. E pérdense se un vai como perdedor. Que llo pregunten a Ciudadanos.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia