CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

PSOE-ERC, primeira reunión

29/11/2019 - 07:40 h

O resumo que se pode facer da reunión entre o PSOE e Esquerra é que aínda non hai acordo, pero seguirase intentando. É dicir, que a xuntanza acabou coma todas as primeiras que se fan. Ninguén pode agardar que a primeira sexa a boa, así que se cumpriu o protocolo e o costume. O comunicado parece pensado para manter a emoción e dicirlle á xente que as cousas non están doadas, que o PSOE está mantendo a súa dignidade, como cumprindo aquilo de “non será presidente a calquera prezo”, e que Esquerra non é doada de roer.

Tardaremos moito en saber onde empeza a representación teatral e onde a realidade. Os partidos que máis reclaman a transparencia cando están na oposición son os máis escuros cando están no goberno e tocan poder.

Do resto, é evidente que Esquerra xa gañou unha baza ao facer constar que se emprazan a abordar “o conflito político”, cando hai nada que Pedro Sánchez dicía que non había un conflito político, senón un problema de convivencia dentro de Cataluña e entre os cataláns. Se isto é un primeiro paso para chegar a falar da autodeterminación, xa o veremos. O evidente é que vivimos tempos que se poden cualificar como de “trago de palabras”. O que máis palabras está tragando é Pedro Sánchez, que xa está disposto a durmir tranquilo con Podemos no dormitorio, que xa está dependendo dos independentistas para seguir na Moncloa e que pon nas súas mans algo tan serio como a estabilidade política. O que máis se repite estes días é que a ver como se lle explica a Europa que pacta cun partido que ten o seu líder en prisión e a segunda dirixente fuxida en Suíza.

En fin, morra o conto. Na fachada do edificio nacional pódese poñer un cartel que diga: “Silencio, negóciase”. E negócianse cousas moi serias, aínda que o PSOE parece que pretende camuflalas baixo a desculpa de que se está falando da “axenda social”, que vale para un roto e un descosido.

Veremos como acaba todo. Mentres eles falan, hai unha enquisa do CIS que di que para o 80 por cento dos cidadáns, a situación política é mala ou moi mala; que os políticos xa non son o terceiro problema do país, senón o segundo; que o 76 por cento ten pouca ou ningunha confianza en Pedro Sánchez, e o 81 por cento tampouco ten confianza en Pablo Casado. Tranquilos todos, benquerido Valiñas, que se hai acordo con Esquerra e se fai goberno com Podemos, por aí anda o señor Murphy a dicir que todo pode empeorar.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia