CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico: "En poboación e en economía, España xa está rota"

29/01/2020 - 08:09 h

O Eixo Atlántico pide que a perda de poboación sexa tratada como "unha verdadeira cuestión de Estado, igual que o cambio climático". O secretario xeral da institución transfronteiriza advirte de que Galicia, xunto con outras autonomías da metade atlántica, entrou nun círculo vicioso de que cada vez ten menos habitantes e polo tanto menos riqueza, menos forza política e menos futuro económico, o que obriga á xente nova, en idade de ter fillos, a marchar para ter un emprego, polo que a poboación aínda se reduce máis.

"É un problema de cohesión nacional. É curioso que os que poñen o berro no ceo na cuestión de Cataluña, que España vai romper, etcétera, non se decatan de que, coas políticas que están facendo, en poboación e en economía España xa está rota. Entre a España do Mediterráneo e a España do Atlántico hai unha diferenza de poboación tremenda e unha gran diferenza económica".

"O problema non é só que teñamos moita poboación avellentada, é que estamos falando dunha poboación cun peso moi grande que xa pasou a idade reprodutiva e que maioritariamente vive dunha pensión, que non é precisamente a máis elevada, e polo tanto ten un teito de ingresos".

"Se ti tes máis poboación, tes máis deputados. Se tes máis deputados, tes máis peso na formación de goberno en minoría, como estamos vendo. E aquí, desde hai uns anos, instaurouse o costume da compravenda e do comercio dos votos dos deputados polos orzamentos, para as investiduras, etcétera. O Mediterráneo, polo tanto, sempre leva as maiores partidas financeiras. A cohesión estase rachando".

"Vese moi claro nas infraestruturas. Ti, se queres ver as dúas Españas de Machado, só tes que ir á estación de Atocha en Madrid. Todos os AVE van para o Mediterráneo. Para o Atlántico aínda non hai ningún. Só chega ata Valladolid".

"A perspectiva é que, como imos seguir polo mesmo camiño, cada vez teremos menos poboación, porque a poboación nova en idade reprodutiva ten que marchar ao Mediterráneo ou a Madrid para buscar traballo. E esta é a fotografía que temos".

O responsable do Eixo Atlántico engadiu que o Mediterráneo "sempre leva as mellores obras" e puxo como exemplo a saída sur de Murcia, "que se está facendo en tempo récord", xa que "o secretario de Estado é de Murcia", mentres a saída de Vigo está parada, a pesar de que foi aprobada no seu día.

Xoán Vázquez Mao apuntou tamén que todos os gobernos, "estes, os outros e os de máis aló", enganaron os galegos coas promesas do AVE e "trataron de parvos os galegos", xa que prometían as obras pero sen realmente chegar a facelas. Por iso, non quixo entrar a valorar se o prazo para o final das obras será 2021 ou 2022.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia