CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Que lento vai todo isto

28/11/2019 - 07:39 h

Que lento vai todo isto, non che parece? Lento e pesado. Os cronistas xa non sabemos que dicir. E algo peor, o que dicimos á mañá xa non vale ao serán. E ademais, non sei se se está vendendo a pel antes de cazar o oso. Digo isto porque se sabe que o PSOE e Unidas Podemos están formando goberno, fálase, incluso, de 22 ministerios, porque hai moita xente que colocar, pero non sabemos se haberá goberno. Antonte eu acababa este comentario dicindo: “Ou sometemento ás condicións dos cataláns, ou terceiras eleccións. E xa as empezo a ver”. Fin da autocita. Esta mañá pódese ler no xornal El Español este titular: “Autodeterminación ou terceiras eleccións. Esquerra márcalle o camiño ao PSOE”.

É dicir, que a posibilidade de volver ás urnas anda por aí. E é certo, todo depende de Esquerra Republicana de Cataluña. O partido independentista co que non se podía falar hai pouco máis dun mes é agora o que decide o noso futuro. Hoxe reúnense os comisionados do PSOE e de Esquerra e imos ver que sae desa xuntanza. Os indicios non son bos. Onte Carmen Calvo dixo que se podía falar do título oitavo da Constitución, pero non de autodeterminación, co cal cae unha das esixencias dos independentistas. Xa veremos como reaccionan. E, sobre todo, pasou que o decreto lei contra a 'república dixital catalá' tivo o voto en contra de todos os independentistas, mal preludio para un compromiso con vistas á investidura. E a dereita, entendendo por tal o Partido Popular e Ciudadanos, foi a que salvou o decreto.

Mensaxe para Sánchez: hai cousas moi serias neste país, como é o conflito catalán, que non se poden afrontar sen entenderse co PP. E ao mesmo tempo, a cuestión catalá non se pode afrontar sen falar cos políticos cataláns. Así de complexo está todo. E, a todo isto, intensifícanse as críticas á coalición de Podemos. As críticas e os medos. O presidente do Círculo de Empresarios dixo que xa se está producindo fuga de capitais ao estranxeiro, grave percepción se é certa.

Este é o panorama, Valiñas. Todo está escuro, confuso e incerto. Imos agardar para ver que din hoxe os comisionados do PSOE e de Esquerra e mañá falaremos. Se todo falla, aínda queda a que podemos chamar “vía Feijóo”, que é o entendemento de Sánchez con Casado e Arrimadas, que podería ser boa cousa para a estabilidade, como se viu na votación de onte no Congreso. Pero moito me temo que Sánchez prefire morrer nas urnas a que lle chamen conservador.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia