CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Mesa de Cataluña, primeira rolda

27/02/2020 - 07:39 h

Imos primeiro coas formas. Estou convencido de que na Moncloa hai un realizador de cine ao que se lle encomenda a posta en escena. Lembrade cando foi o primeiro Consello de Ministros: ían saíndo dun recuncho dos xardíns, saudaban a prensa e entraban no pazo. Un a un, e unha a unha, como se fose unha pasarela de moda e os ministros os modelos. Onte, algo parecido. Por diante, os compoñentes da mesa. Realización cinematográfica. Cámaras polos xardíns e na sala Tàpies. Que non se perdese nin un suspiro. Parecía que o ideador quería provocar a reacción da oposición: vedes como se lle dá a Torra tratamento de xefe de Estado? E un pouco diso había: moita e gran cerimonia para que o presidente da Generalitat se sentise importante.

Despois, o contido. Todo o que se quixo dicir da xuntanza cabe nun folio escaso ao que se lle deu o tratamento de "comunicado conxunto", como se fai tamén nas relacións conflitivas entre estados. Polo visto, o que se falou sobre todo foi da mecánica das reunións que van vir, as bases do diálogo e a metodoloxía. Non parece moita cousa para tres horas de conversa, pero creo que non me equivoco se digo que o que máis tempo levou foi precisamente a redacción dese papeliño. Había que coidar cada palabra, que todas as expresións fosen aceptadas por todos, e iso ten o seu cerimonial.

E as últimas palabras son aquelas habituais cando se fala de Cataluña: "Dentro da seguridade xurídica". Pensando ben, é probable que se refira á Constitución. Pensando mal, hai que preguntarse por que a Constitución é tan difícil de escribir e pronunciar cando falan Sánchez e Torra; que tipo de sarabullo lles produce, e se Sánchez e o seu equipo tamén teñen problemas para aceptar a lei de leis con todas as súas letras. Isto é materia para un psiquiatra, máis que para um comentarista político.

E no resumo final que eu fago, dúas conclusións. A primeira, que Torra expuxo que quere falar da amnistía e da autodeterminación. Así, de entrada. Polo visto, Sánchez non estivo a favor nin en contra. Simplemente, non se pronunciou. Tratábase de non romper no primeiro encontro, supoño. Ou era iso, ou o presidente español está de acordo, cousa que non se pode aceptar. A segunda, o calendario que se establece: reunións cada mes, e presenza dos presidentes e vicepresidentes cada seis meses. Iso quere dicir que queren que a mesa dure moito. A cuestión, en todo o que afecta a Sánchez, é durar, benquerido Valiñas. Mentres tanto, agardo que, polo menos, se rebaixe a tensión. Agora ben: perspectivas de resultados, se se respecta a Constitución, ningunha.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia