CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

O Rei, mensaxe de Nadal

26/12/2019 - 08:09 h

Coa mensaxe do Rei pasoume unha cousa curiosa: sooume mellor lido por el ante as cámaras de televisión que lido por min no papel remitido pola Casa Real. Iso, ao meu xuízo, significa unha cousa: que ten mellor música ca letra, ou que Filipe VI é mellor actor que escribidor. Feita unha síntese do lido e do escoitado, aínda que loxicamente é o mesmo, a miña conclusión é que a súa maxestade se propuxo facer un discurso que se podería titular como o poema aquel: ‘Salutación do optimista’. Fronte ao clima pesimista xeral que hai na opinión pública, el intentou elevar a moral da sociedade cunha visión positiva da España dos últimos corenta anos: unha España que é moito mellor ca a España que herdou e que mellorou tanto pola Constitución. Como alguén escribe hoxe, foi unha especie de terapia contra o derrotismo.

Derivado desa intención, saíu unha mensaxe que tamén era requirida pola sociedade: unha chamada á confianza. En peores garitas fixemos garda e desta podemos saír tamén. A receita é a clásica nos discursos do Rei: moderación, traballo conxunto, diálogo, seguridade, concordia e todas esas palabras que tanto quere a Xefatura do Estado. E algo que me chamou a atención: a confianza do Rei baséase moito máis nos cidadáns e na vitalidade da sociedade ca nos traballos da clase dirixente política, á que practicamente non citou ao falar dos desafíos que temos por diante. Supoño que é unha censura que un rei non pode facer directa e claramente, pero que os demais temos que interpretar. En resumo: satisfacción real polos resultados históricos, enxalzamento da Constitución, chamada á confianza. Un clásico.

Tan importantes coma iso, as reaccións. E todo funcionou segundo o previsto. Coma sempre, os nacionalistas, hoxe independentistas, estiveron en contra. Incluso abruptamente en contra. Como ese Rufián que viu na mensaxe un mitin de Vox, xa nos dirá por que. Como ese Torra, que di que o problema non é Cataluña, senón España, que viola os dereitos humanos. Como ese Torrent, que di que España incumpre as leis europeas. O malo é que hai moita xente que os cre.

E punto de atención alto para Podemos, que por boca de Echenique, viu en Filipe VI un mellor olfacto político. Xesús, Xesús! Non me digades que Podemos se está a facer monárquico! Supoño que é moito dicir, ou moito especular, pero se fose así, aínda que só fose por iso, benquerido Valiñas, habería que concluír que valeu a pena a mensaxe do Rei.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí