CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Franco, fóra

25/09/2019 - 07:41 h

A actualidade deste día vén marcada por xuízos e xuíces. Xuízo político, proceso de destitución para botar a Trump da Casa Branca, que xa veremos se se fai e como acaba. Sentenza do Supremo británico, que declara nulo e ilegal o peche do Parlamento que decretou manu militari o tal Boris Johnson. E aquí, sentenza do Supremo sobre o desenterramento de Franco 44 anos despois do seu solemne enterro. Ante esta decisión, pódese falar de xeito pomposo, como fixo Sánchez en Nova York: “Vitoria da democracia”. Ou pódese falar de xeito máis acougado de que o Goberno lle gañou a partida á familia do ditador.

Eu penso que aquí había un recurso presentado por esa familia, o Supremo decidiu sobre el, e os Franco perderon. Por unanimidade, os restos do xeneral poden saír do Val dos Caídos e non deben ir á Almudena, que é unha catedral que fai conxunto arquitectónico co Pazo Real da praza de Oriente de Madrid. Vía libre, pois, para o desenterramento e felicidades a un restaurante que hai fronte ao cemiterio de Mingorrubio, onde repousarán as novas peregrinacións da España nostálxica. Rezarán moito, darán vivas a España e xantarán bastante ben. Non se agardan grandes movidas de protesta coa bandeira española e o aguiacho do escudo. Haberá, xa está habendo, moitas declaracións sobre a ditadura, o xenocidio e o “xa era hora”, que 44 anos lles dan a razón.

A miña curiosidade é outra: saber que papel terán os ilustres ósos de Franco na campaña electoral. Ata agora, dende o 15 de xuño de 1977, Franco nunca faltou nunha campaña. Nunca. Sempre tivo algunha presenza. Agora só falta que o Goberno socialista o leve a algún mitin para ensinalo, baixo a consigna de: fixo falta Pedro Sánchez para derrotar definitivamente o franquismo e non adorar nunca máis ao seu inventor. Por iso se pretende que o traslado se faga antes do 10 de novembro e agardo que non sexa nos últimos oito días, que son os da campaña efectiva, pero tampouco me sorprendería.

A miña opinión: había un mandato do Congreso dos Deputados, votado tamén polo Partido Popular, e cumpriuse ese mandato. Os dereitos da familia existen e son respectables, pero, se se opoñen a un mandato da sede da soberanía nacional, decaen. Cúmprese, ademais, a Lei de memoria histórica; así que asunto resolto: que desapareza Franco da vida política, que hai 44 anos que morreu. E, unha vez desaparecido, que se decida que se fai coa basílica do Val dos Caídos, porque alí quedan 18.000 restos doutras tantas persoas. E alí queda a memoria do que nunca debeu suceder. E o que se decida dese destino que sexa produto do consenso de todas as forzas políticas. A ver se nisto, polo menos nisto, non dividen máis a sociedade.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí