CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Xosé Paleo, presidente do comité de empresa: "Se alguén ten postos os pés no cadafalso agora mesmo é a planta de San Cibrao"

24/10/2019 - 08:52 h

Aumenta a preocupación entre o persoal da planta de Alcoa-San Cibrao. Tras os anuncios de recortes de produción que fixo a dirección do grupo norteamericano, o persoal dá por feito que a central da Mariña será unha das máis afectadas, xa que o prezo da electricidade fai inviable o negocio en España.

"As últimas noticias que temos foron as do anuncio que fixo Alcoa a nivel mundial a semana pasada de recortes de produción, de parada de plantas e de venda de plantas. Aínda que non puxeron enriba da mesa un nome, a ningún de nosoutros se nos escapa que se alguén ten postos ou ten posibilidade de poñer os pés no cadafalso agora mesmo é a planta de San Cibrao. De momento, non puxeron ningunha planta enriba da mesa, pero a cousa está así, está grave".

O presidente do comité de empresa de San Cibrao recordou que a planta supón máis do 30 por cento do PIB da provincia de Lugo, polo que lles pediu aos políticos que tomen medidas urxentes para abaratar o prezo da electricidade, xa que eses custos fan que a electrólise do aluminio sexa inviable agora mesmo en España.

Paleo, que deu por boas as propostas que presentou a Xunta, recordou que a ministra de Industria en funcións, Reyes Maroto, prometeu hai dúas semanas, nunha visita á planta da Mariña, darlles unha data concreta en cuestión de días para explicarlles o contido do futuro estatuto das electrointensivas e, de momento, non tiveron ningún contacto.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí