CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Franco, o segundo enterro

24/10/2019 - 07:40 h

A primeira sensación é que todo chega. Cando Zapatero empezou con este proceso hai oito anos, seguramente non pensaba que ía tardar tanto. E seguramente pensaba que nunca ía chegar este día. Esa é a gran contradición. Sacar a Franco de Cuelgamuros foi unha tarefa lenta e complexa. Houbo que chocar contra moitos elementos, empezando pola familia, seguindo polos frades beneditinos e acabando por algún xuíz que atopou desculpas como a da licenza de obras, que xa foi rizar o rizo. O proceso, ademais, estivo manchado por outros factores: primeiro, que sempre se pensou que todo era unha manobra electoral de Pedro Sánchez para darlle moral á esquerda ou aos seus votantes, para mobilizalos. Segundo, que unha parte da opinión dubidou se facía falta ese desenterramento despois de corenta e catro anos. Terceiro, tamén houbo dúbidas de se mover o ditador contribuía a desenterrar vellas pantasmas de discordia ou confrontación. E cuarto, que deu a impresión de que Pedro Sánchez e Carmen Calvo, auténtica ministra de asuntos de Franco, inventaban o traslado para disimular outros fallos dun goberno que non se distinguía pola súa estabilidade.

E chegou o día e a primeira impresión política é que o feito transcendental se fai sen que pase nada nin se conmova ningunha estrutura do país. Todo queda en pequenas convocatorias de concentracións, veremos algunha bandeira do 'aguiacho' e pouco máis. A propia familia do ditador contradise porque, por unha parte, pensa que é unha humillación e, por outra, manda dicir que a viúva sempre quixo pasar a eternidade ao seu lado, que é o que ao final se fai.

A partir de aí, o que agardo deste novo enterramento é que sirva para apartar dunha vez a Franco do debate político. Que se dean por satisfeitos os que pensan que o Val dos Caídos non pode ser un lugar de culto a unha ditadura. Que, se a idea é completar a reconciliación, que non sexa ao revés. A reconciliación xa está feita hai moitos anos, e o que pasa hoxe non é máis ca a culminación. E por último, que se acerte no destino do Val dos Caídos, porque a ver se vai ocorrer que, apartado Franco de alí, se converta no contrario do que foi ata hoxe. É dicir, que pase de ser a exaltación dos vencedores da guerra incivil á exaltación do bando republicano. Se algo se fai, que sexa en busca na neutralidade. Á fin e ao cabo, querido Valiñas, para a maioría da poboación Franco non é máis ca un capítulo da historia que, grazas a Deus, hai 44 anos que se pechou.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí